BIEITO ROMERO. (A Coruña 3.10.1964). Músico. Técnico especialista en instalacións e liñas eléctricas, non chegou a exercer coma tal practicamente xa que a súa paixón é a música, á que se adica dende unha idade temperá. Pertenceu a diversas formacións de prestixio coma o grupo de danza e música tradicionais Xacarandaina da Coruña, ou mesmamente o Ballet galego Rei de Viana. Fundador do grupo folk Luar Na Lubre no ano 1986, percorreu toda Galicia, España e máis de 25 países acadando grandes recoñecementos, premios e importantes experiencias vitais. Con Luar na Lubre levou a cabo centos de concertos, gravou once traballos discográficos, unha longametraxe documental e participou coma compositor e músico con outros grupos e solistas que van dende Mike Oldfield a Mago de Oz. Colaborador de diferentes emisoras de radio dende os anos noventa, actualmente compaxina o seu traballo na música coa dirección do programa “Un mundo de músicas”, en RadioVoz. O seu interese pola simboloxía comezou na década de 1980, xunto con outros traballos referidos ás cubertas vexetais, hórreos, camposantos galegos, música, etc., nunha recompilación de día a día que no caso dos símbolos tradúcese nun arquivo de máis de 1.000 imaxes procedentes de distintos lugares de Galicia e tamén de diferentes países polos que ten viaxado. A idea de facer este libro parte da importancia de amosar a riqueza simbólica descoñecida e proxectada ata hoxe dende tempo inmemorial, de evidenciar o deterioro que ano tras ano sofre este importante legado patrimonial galego esmorecente (algúns dos símbolos recollidos neste traballo non existen na actualidade), e a posible preservación dos que aínda sobreviven e que están nun ameazante perigo, polo que ésta é unha chamada de atención á sensibilidade desde unha perspectiva humilde e de compromiso.