A familia de Iris vese obrigada a mudarse á casa do avó na Costa da Morte. Alí as longas tardes do verán énchense coas visitas da nena ao desacougante areal de Trece e coa luz do faro de Cabo Vilán, que advirte de invisíbeis perigos. Algo escuro se agocha no baúl que Iris descubre no faiado e que inexplicabelmente leva escrito o seu nome. Algo que ten que ver co mar e coa negrura que algunhas veces o cobre; con lendas afundidas polo tempo e polas augas; cos segredos dunha costa que é de morte pero tamén de vida onde, en ocasións, nadan os golfiños.
