Este libro recolle no substancial as conferencias desenvolvidas a remates do ano 2006 dentro do Simposio Internacional O liberalismo nos seus contextos: un estado da cuestión, celebrado entre as cidades de Santiago de Compostela e A Coruña. Dentro das actividades da Cátedra Juana de Vega, integrada no Departamento de Historia Contemporánea e de América da Universidade de Santiago de Compostela, e grazas ao pulo e ao financiamento da Fundación Juana de Vega, diferentes especialistas deron conta da realidade multifacética e poliédrica que conforma o liberalismo decimonónico español ou, por mello dicir, os diferentes liberalismos hispánicos. O obxectivo non foi outro ca realizar unha posta ao día da investigación dun tema que, por fortuna, vén sendo obxecto de múltiples estudos e reflexións, e que, sen esquecer o peso e o valor de pescudas xa clásicas, está a incorporar novas ferramentas teóricas e conceptuais dende as que pensar e analizar os moi diferentes contextos nos que a pegada do pensamento e a praxe liberais se fixeron notar. Deste xeito, o lector atopará nestas páxinas unha panorámica de especial incidencia na vertente política do fenómeno liberal, pero completada e complementada con estudos realizados dende unha perspectiva biográfica e prosopográfica, que valoran o papel trascendental xogado polo exército, inclúen o protagonismo de primeira liña representado pola prensa escrita e, en fin, tampouco esquecen o contramodelo que no seu intre, e por moitos anos, supuxo o carlismo. Ademais, a ampla perspecriva espacial da obra dá conta da realidade ultramariña do liberalismo, incluíndo unha moi necesaria presentación do seu impacto nas terras da outra beira do Atlántico.