Toxos e flores é un libro abertamente romántico e enxebre. ¿Pódese falar de romanticismo ás portas do século XXI? Na prosa de Manuel Rivas hai rebeldía e hai humor, hai heterodoxia e espírito anovador ao tempo que un fondo amor polas boas herdanzas. E hai, sobre todo, un espeso tapiz refulxente: a Sagrada Terra, ATerra Nai, O Antigo Reino de Galicia. A fermosa nación da espiña e da chorima, da cruz e do grial, dos toxos e das flores. Nesta segunda edición revisada, Manuel Rivas inclúe catro novos traballos: os que tratan de Reimundo Patiño, Ramón Sampedro, Lois Pereiro e a Xeración Doente. Teñen en común que habitaban na escaleira de incendios do hotel Vida, que encarnan a creación como unha aposta existencial sen apaños e insubornable. Complétase a edición co texto de " O pregón de Monte Alto " , que Manuel Rivas recitou e cantou na compaña de Os Diplomáticos de Monte Alto na noite do 4 de setembro de 1998; documento sonoro recollido no CD adxunto.