Bautista Álvarez, membro da xeración Brais Pinto e veterano político nacionalista, recolle neste seu primeiro libro de narrativa, que confesa " anda cerca das memorias " , un monllo de relatos ambientados nos anos da súa infancia nas terras natais de Las, Eiras e Loucía, no concello ourensán de San Amaro. Acontecementos relevantes daquela comunidade aldeá dos anos trinta e corenta recuperados do esquecemento con memoria fotográfica e relatados con pulsión inequivocamente literaria, non exenta de retranca, intriga e doses de tenrura. O cadáver dun mozo acoitelado, atopado na Telleira, xusto no lindeiro que separa a parroquia de Eiras da de Las, do que nunca se soubo a súa identidade. A procesión do santo Antonio de Las que tras os primeiros foguetes rematou en delirio colectivo e con san Roque feito un espantallo. Os amores do cabalo Mourego e a mula do Hixinio, que chegaron a compartir a morte. As lembranzas da escola de Andrade, de mestres de Falange como don Gabino, na que a mellor disciplina era o recreo e na que todos os días antes de saír pola tarde os alumnos tiñan que cantar o Cara al sol e o Oriamendi. A historia de Severo, o frustrado estudante de medicina polo que degoiraban as mulleres. Ou aqueloutra tan noxenta de Gaudesio, o carniceiro de Figueroa, o vingador de roxos, responsable de tantas mortes e outras atrocidades... Escritos con vontade literaria, utilizando unha lingua de raíz popular, estes retratos e relatos populares de Bautista Álvarez emparentan con páxinas de Ánxel Fole, Castelao e outros autores da tradición do mellor relato galego do século XX.