Materiais prácticos de coeducación en Educación primaria O Plano de Acollida é o conxunto organizado de accións encamiñadas a conseguir a escolarización e integración do alumnado inmigrante que acode por primeira vez a un centro educativo e, como toda actuación escolar, debe recollerse nun documento, que por extensión chamaremos Plano de Acollida. Nel inclúense actuacións referidas tanto ás alumnas e alumnos, como ás nais e pais, titoras e titores, e a comunidade educativa en xeral. Todo o que se propón neste libro, deberá quedar debidamente reflectido nos documentos correspondentes do centro. Por iso, xa actualmente, o proxecto das autoras está incluído na Programación Xeral Anual, no Plano de Orientación, no Proxecto Educativo de Centros (PEC) e Proxecto Curricular de Centros (PCC), polo que todos os documentos e traballos elaborados foron divulgados e compartidos co resto do claustro a través da Comisión de Coordinación Pedagóxica. Este libro non pretende ser un tratado didáctico sobre a acollida de alumnado estranxeiro nos centros galegos, só achega a experiencia concreta dun grupo de traballadoras do ensino, que se viron ante o reto e necesidade de facer un traballo para o que non foran preparadas. Neste libro preséntase o Plano de Acollida dun centro, que expoñen en diversos apartados, para facilitar a comprensión.