Resultados de la búsqueda para: Ramón Otero Pedrayo





POESÍA (OTERO PEDRAYO, RAMÓN)
A obra poética de Ramón Otero Pedrayo é unha obra rica e multiforme. Escritos entre 1925 e 1975, dos noventa e cinco poemas incluídos en Poesía, algúns moi extensos, vinte e cinco son inéditos. O libro recolle tamén poesía en castelán e poemas traducidos doutras linguas coma o latín, o francés e o alemán. Así e todo, e como advirte Alonso Montero na introdución, o volume "non ofrece a obra poética completa" de Otero Pedrayo aínda que recolla a totalidade dos poemas éditos e unha boa parte dos inéditos, pois non se inclúen poemas incompletos, ou en fase de borrador, do que é un corpus poético de manuscritos certamente grande. Trátase dunha compilación "representativa, no esencial, de Ramón Otero Pedrayo como poeta" xa que, como afirma Alonso Montero, "os textos que se exhumen no futuro limitaranse a reforzar e ampliar a figura e os acordes que o presente volume ofrece da súa poesía". Poesía como celebración e homenaxe, como meditación diante da paisaxe; versos goliardescos e de amizade arrequentados polo galego esplendoroso e inesgotable do seu autor.

O ESPELLO NO SERÁN (OTERO PEDRAYO, RAMÓN)
O resultado desa arela é O espello no serán, unha fermosa homenaxe á cidade pola que Otero se sentiu gozosa e inevitablemente cativado desde o instante mesmo de visitala por vez primeira.

O LIBRO DOS AMIGOS (OTERO PEDRAYO, RAMÓN)
Neste libro Otero Pedrayo debuxa finamente os contornos sentimentais, intelectuais e humanos de personaxes que tiveron unha gran significación na súa vida. Publicado por primeira vez en 1952, este fermoso canto á amizade é un dos títulos menores máis admirados de Otero Pedrayo.

O SEÑORITO DA REBORAINA (OTERO PEDRAYO, RAMÓN)
Dentro da traxectoria narrativa de Ramón Otero Pedrayo significa a depuración e a perfección. Novela de dicción límpida e transparente na que, con humor, se retrata a figura de Xoán Manuel Pereira, un dos grandes revolucionarios liberais e progresistas da Galicia do século XIX. O señorito da Reboraina é a derradeira novela escrita por Otero Pedrayo e a única que publicou en galego despois da Guerra Civil.

UNA HISTORIA DEL ARTE (OTERO PEDRAYO, RAMÓN)
Durante os anos 1966 e 1967, Ramón Otero Pedrayo escribiu, en castelán, esta obra extensa ata agora nunca publicada. Escrita cun inconfundible estilo literario e baseada nunha cultura enciclopédica, abrangue a historia da arte desde a prehistoria ata o século XX; e salienta pola especial atención que o autor lle dedica á música, singularmente a Bach e a Mozart, cun capítulo sobre a música no Romanticismo no que se detén en Beethoven. Tamén cómpre destacar o interese que Otero Pedrayo amosa polo cinema, ao que considera a arte que caracteriza o século XX. Todo isto fai deste libro unha lectura de gran importancia para coñecermos mellor o pensamento do autor ourensán, o seu xeito de analizar a arte tendo en conta factores relacionados coa xeografía, coa identidade e co territorio, sen esquecer o papel da literatura como complemento e inspiración da expresión plástica.

XEÓRXICAS DO PAN (OTERO PEDRAYO, RAMÓN)
Do conxunto de documentos de Ramón Otero Pedrayo depositados na Fundación Penzol, sobresaen estas tres versións inéditas dun poema, "Xeórxicas do pan", que, tanto pola súa extensión como pola súa calidade literaria, o confirman como un dos grandes poetas do seu tempo. Un libro imprescindible para comprendermos a tradición lírica galega contemporánea.

ROSALÍA (OTERO PEDRAYO, RAMÓN)
Este libro escribiuno Otero Pedrayo na vellez, pero non chegou a publicalo en vida. Trátase dunha fonda e aguda interpretación da vida e obra da poeta galega, escrita no máis xenuíno estilo oteriano. Concibida en forma de diálogo dramático, nela deixa Otero voar libremente a súa imaxinación desbordada, que ás veces chega ás difíciles alturas onde se esconde o lirismo que envolve a esvaída figura da súa protagonista.

A LAGARADA – O DESENGANO DO PRIOIRO (OTERO PEDRAYO, RAMÓN)
Ofrécese, así, a posibilidade de descubrir unha faceta talvez menos coñecida do grande autor galego. Esta edición, a cargo de Henrique Monteagudo, cun estudo literario de Manuel F. Vieites e debuxos de Xohán Ledo, pon de manifesto a un Otero mestre tamén nos códigos teatrais. Servirá, ademais, para unha adecuada apreciación e un estudo máis completo da historia do teatro galego.

CONTOS DE SANTOS E NADAL (OTERO PEDRAYO, RAMÓN)
Estes nove relatos teñen diversos estilos e intencións, que van desde os que poderiamos chamar intelectuais ata os que se poderían inscribir no mellor realismo de Otero Pedrayo. Son estes últimos, de maneira especial, os que revelan o extraordinario talento narrativo do seu autor, verdadeiro mestre da pintura de tipos e circunstancias relacionados coa vida galega.

O FIDALGO E OUTROS RELATOS (OTERO PEDRAYO, RAMÓN)
Os contos deste libro rachan co prexuízo da pretendida dificultade da prosa de Ramón Otero Pedrayo. Aquí temos a un narrador que emprega a anécdota, que é capaz de prender no interese do lector sen esforzo e introducilo no profundo da nosa terra e das nosas xentes.