Os materias curriculares en Galicia é froito dunha investigación do profesor Xesús Rodríguez Rodríguez que nos achega á percepción que o profesorado de Galicia manifesta sobre os libros de texto e materiais curriculares impresos que foron elaborados para empregar na súa práctica docente; é, ademais, un achegamento á opinión do profesorado para dar a coñecer as súas valoracións acerca dos recursos e materiais que foron pensados para o seu uso. Qué grao de coñecemento posúe o profesorado dos materiais que foron elaborados para axudalo na súa actividade docente?, Que funcionalidade presentan?, Qué tipo de materiais se empregan habitualmente?, Cales son as principais necesidades de recursos e de formación que sinala o profesorado?, Que opinión existe das características que presentan os materiais?, Que tipo de materiais elabora o propio profesorado na escola? Este libro quere servir de guía e preocupación para reflexionar sobre estas e outras cuestións, tan importantes para o desenvolvemento dunha práctica educativa de calidade. As valoracións e os resultados que aparecen recollidos neste libro constitúen un apoio moi importante para os distintos colectivos que desexen coñecer o que acontece na práctica educativa cos materiais e tamén para as institucións e profesionais que teñen que tomar decisións sobre os mesmos. Este estudo tamén dá a coñecer en que estado se encontra a teoría que se formolou ao redor dos materiais nas Reformas Educativas e comprobar en que medida se reflicte e exerce influxo na práctica.