Os homes só contan até tres, o drama de Antón Lopo gañador do premio Álvaro Cunqueiro para textos teatrais 2004, conta a historia de dúas irmás que viven xuntas, Luísa, autora e directora teatral de éxito, e Helena, encargada do arranxo da casa e escritora anónima de textos. A aparente harmonía da súa convivencia, apenas interrompida por Evaristo, o seu veciño gardaxurado, ráchase cando aparece nas súas vidas Nico, un malabarista e actor, novo, fermoso e intelixente, do que axiña se enamora Luisa, quen, sen consultar coa súa irmá, o convidará a compartir vida e apartamento. Mais, a empatía entre Helena e Nico non tarda en aparecer, e a ausencia de Luísa durante un par de semanas fai que o achegamento entre eles dous se produza. Helena estará disposta a traizoar a súa irmá para emprender unha aventura lonxe da rutina que a protexe? Os homes só contan ate tres, peza dividida en 28 escenas, foi estreada o 2 de decembro de 2005 pola compañía A Factoría Teatro.