Cando Uxío Novoneyra publicou Os Eidos, en 1955, a súa voz converteuse de inmediato nunha das máis intensas, renovadoras e salientables da poesía galega. En Os Eidos agroma unha poesía limpa, concisa e breve, que asenta nunha profunda identificación entre o poeta e a natureza, e que nos vai mostrando, desde un certo ensoñamento de quen escribe, un intimismo radical ligado á terra e aos sentimentos de pertenza a esta. Un libro de fondo silencio, esencial, cósmico, universal, irrepetible. A presente edición, preparada con motivo do " Ano Novoneyra 2010 " , recolle fielmente os contidos da edición Os Eidos. Libro do Courel, editada por Edicións Xerais de Galicia en 1981, e revisada ao longo das décadas de 1980 e 1990 polo autor.