Dende hai séculos asóciase a imaxe da vaca a Galicia, pero pouco sabemos do mundo que se desenvolve arredor deste animal. Hoxe a vaca é a columna vertebral do medio rural en Galicia. As 450.000 vacas das 14.000 granxas producen 2,3 millóns de toneladas de leite por ano (o 32% da produción estatal), datos que fan de Galicia a primeira potencia leiteira española. Este libro, No país das vacas do fotógrafo Xurxo Lobato, quere ser un tributo visual á vaca, explicar como vive, de que vive e quen vive dela. Pretende dar a coñecer visualmente a tecnoloxía aplicada nas granxas, a variedade de razas autóctonas, a industria láctea e da carne, a gastronomía ou presentar como as vacas son obxecto de estudo na universidade. Ademais, o libro pretende presentar as representacións iconográficas onde aparece a vaca, dende o baixorrelevo romano atopado en Becerreá ao cartel de Castelao na campaña a favor da Autonomía; dende as esculturas de Asorey ás cerámicas de Seoane e pinturas de Laxeiro, pasando polo seu protagonismo na literatura galega ou nos programas de televisión. O libro inclúe, tamén, dous ensaios moi clarificadores e divulgativos, os do catedrático Lourenzo Fernández Prieto ( " Inventando a vaca: do reino das rubias ao reino das pintas " ), que aborda o aspecto histórico; e do xornalista Julián Rodríguez ( " Moita máis luz que sombras " ), que achega os datos económicos básicos sobre a actual situación do sector. Ademais, acompañando as fotos e aos ensaios, diversos testemuños escritos protagonizan a mirada plural de como ven a vaca representantes de sectores sociais moi distintos. Uns dende a complicidade de quen convive con elas e outros dende a nostalxia da súa nenez ou dende unha visión urbana. Un libro fermoso e poliédrico que aspira a que os seus lectores e lectoras coñezan un pouco mellor o país das vacas, a súa importancia na sociedade galega, mesmo para chegar a converter a vaca nunha das iconas da nosa identidade do século XXI.