Un novelista en plena crise creativa e a viaxe delirante que emprende a través do seu subconsciente, na procura da súa obra definitiva.O sexo, a morte, as fontes da creación. Monten con Alicia e Peer Gynt no salvaxe cabalo de Mefistófeles e galopen a metraxe de After Hours de Scorsese e os lenzos que soñou De Chirico, galopen até a porta trala que se agocha o enigma da orixe do mundo e miren polo buraco. Ou mellor chimpen coa porta abaixo. Con este texto, Raúl Dans penetra no pesadelo da invisibilidade artística, porque a súa nova obra nin sequera foi escrita, en realidade só foi imaxinada. Nada do que escribiu antes Dans se parece a Nachtmahre, non obstante,aquí latexa todo o teatro do autor, de forma que semella inconcibible sen cada un dos títulos que a preceden, até chegarmos aos seus inicios como escritor. O paradoxal é que Nachtmahr ben podería ser unha sorprendente primeira obra. Pero non. Unicamente é o exercicio de liberdade dun autor que rompe coa liña posibilista do seu teatro e non pensa xa en chegar ou non aos escenarios. Isto non é menos chocante: velaquí o texto máis escénico do seu autor.