O DCB da materia Métodos Estatísticos e Numéricos estabelece seis bloques de contidos da mesma: Probabilidade condicionada, Mostraxe, Estatística inferencial, Series temporais, Programación linear e Métodos numéricos. Neste libro refundíronse os bloques de Mostraxe e Estatística inferencial nun só, chamado Inferencia estatística, debido a cuestións de organización dos contidos e ao feito do carácter indisociábel que teñen a mostraxe e a estimación. Ademais, o bloque de Probabilidade condicionada reforzouse cun tema inicial de probabilidade e outro de distribucións de probabilidade, aparte dos de probabilidade condicionada como tal e cadeas de Markov (fixados no DCB). Tras estes cambios os cinco bloques resultantes foron Probabilidade, Inferencia Estatística, Series Temporais, Programación Linear e Métodos Numéricos. Cada bloque é abordado partindo dunha introdución histórica que sitúa os contidos no tempo en que foron aparecendo e resalta aqueles persoeiros que contribuíron a súa introdución ou expansión. Debido á extensión dalgún destes bloques, ou a diferenza de conceptos que abarcan, están tratados a súa vez, en diferentes unidades didácticas, facendo fincapé na resolución de problemas en detrimento de demostracións rigorosas dos resultados que se estudan.