Merlín, o máis sonado dos encantadores artúricos, agacha tras de si unha personalidade complexa -á vez profeta, meigo, habitante dos bosques, talvez druida...-forxada a cabalo dos séculos XII e XIII. Lonxe dos tópicos cos que hoxe en día se adoita a rodea-la súa figura, o presente libro traza a súa evolución, dende as orixes nas literaturas celtas e as crónicas galesas escritas en latín, ata os testemuños peninsulares serodios, xa a finais da Idade Media. Amósanos así o proceso de formación do carácter merlinesco, desenvolvido por medio de aportacións graduais que irán enriquecendo a súa lenda: o neno sen pai que profetizara para o rei Vortigen, o adiviño tolo da fraga de Calidon, o seu amor pola Dama do Lago e a terrible vinganza desta.Ó mesmo tempo, da súa man descobrimos os máis personaxes e motivos da corte do rei Artur: a Mesa Redonda, Escalibur, Morgana ou a illa de Avalon. Universo poboado de fadas e cabaleiros e cheo de misterio e cortesía, eternamente vivo no imaxinario da cultura de Occidente e que paga a pena coñecer na súa versión orixinal.