Como acontece a miúdo, o que non fun é quizais o que a define con máis precisión: bo soldado pero en absoluto grande home de guerra; afeccionado á arte, pero endexamais o artista que Nerón creu ser ó morrer; capaz de crimes pero non criminal; chego a pensar que os grandes homes se caracterizan xustamente pola súa posición extrema e que o seu heroísmo consiste en manterse nela toda a vida. Son os nosos polos ou os nosos antípodas. Ocupei todas as posicións extremas sucesivamente pero non me mantiven nelas: a vida obrigoume sempre a esvarar. E, nembargantes, eu non podo presumir dunha existencia situada no centro, como a dun labrego ou a dun mozo de corda.