O Manual e Exercicios de Galego Urxente, preparado polos profesores X. Ramón Pena e Manuel Rosales, actualizado segundo as Normas Ortográficas e Morfolóxicas da Lingua Galega de 2003, está estruturado en dous grandes bloques: o «Manual» (onde se expoñen os contidos teóricos) e os «Exercicios» (para levar á práctica o exposto mediante procedementos). O «Manual» divídese en catro apartados principais: Ortografía e Morfosintaxe, especie de prontuario gramatical onde aparecen expostas e resoltas as ocasións e empregos máis frecuentes dos diferentes apartados que atinxen á ortografía e á morfosintaxe do galego. Léxico, con ampla información acerca do uso correcto e incorrecto dun certo número de voces e expresións frecuentes que suscitan dúbidas á hora de falarmos e escribirmos. Topónimos e Xentilicios frecuentes e dubidosos. Locucións e Expresións Latinas de uso frecuente co seu significado na nosa lingua. Ademais, ofrécense tres apéndices: palabras de ortografía dubidosa, usos do signo de puntuación, e paradigmas gramaticais, que complementan a gramática práctica do primeiro apartado do manual. Os exercicios constan de varias propostas para levar á práctica os contidos do manual: Ortografía, Morfosintaxe, Léxico-semántica, Expresión e Pasatempos. Este último apartado dos pasatempos, un xeito máis lúdico de aprender lingua, conta con solucionario ao final do libro.