Este libro tenta ser un retrato, construído pola propia voz de José Luis Rodríguez Zapatero, sobre a traxectoria política do presidente do Goberno. Pero, ademais, é un relato literario onde a principal voz narradora que resoa é tamén a do protagonista, acompañado de persoas que o coñecen e que axudaron a contar esta historia: Juan Rodríguez Zapatero, José Miguel Vidal Zapatero, María Teresa Fernández de la Vega, Rogelio Blanco, José Andrés Torres Mora, Trinidad Jiménez, Julián Lacalle, Antonio Cuevas, Carme Chacón, José Blanco, Pascual Maragall e Emilio Pérez Touriño. En palabras do autor do libro, Suso de Toro: «Durante a preparación deste libro, vin un político novo que chegou a ser presidente do Goberno logrando manterse reservado sobre a súa vida persoal, que actúa con gran resolución e que aparentemente non lle dá importancia ao que se di e escribe sobre a súa persoa. Un político que comunica coas palabras xustas, á vez que confía en que a linguaxe dos feitos, que para el é natural, sempre será comprendida por todos. Este libro quere deixar á luz de qué madeira está feito José Luis Rodríguez Zapatero».