Nos anos cincuenta dáse en Galicia un desenvolvemento da fotografía non profesional como nunca existira ata ese momento. Movemento que, caracterizado polo feito asociativo, deu lugar a unha intensa actividade nas agrupacións fotográficas xurdidas en diferentes cidades e centrada fundamentalmente ao redor dos concursos e salóns fotográficos. As preocupacións de tipo técnico e formal eran esenciais, considerando que a función da fotografía era a procura da beleza cunha visión idealizadora dunha realidade na que a temática preferida eran a paisaxe e as escenas costumistas. Malia esta concepción pictorialista común, rexístranse importantes diferencias nas obras dos máis relevantes fotógrafos afeccionados -Raniero Fernández, Veiga Roel ou Schmidt de las Heras-, uns con certa influencia de tipo documental e outros máis próximos ao pictorialismo tradicional. A, diferentes concepcións confrontaranse na Agrupación Fotográfica Gallega coas de Ricard Terré, interesado nas posibilidades expresivas e comunicativas da fotografía e cun posicionamento humanista.Nos primeiros anos sesenta muda o panorama debido tanto a causas de tipo fotográfico como ás transformacións da propia sociedade e á pegada do cine neorrealista. Os cambios afectan máis á temática e aspectos formais que á propia concepción fotográfica. A mediados dos anos sesenta decae case totalmente a actividade das sociedades fotográficas e os fotógrafos máis relevantes deixan de realizar fotografías.