Para peixe fresco Vigo, para bonito Burela, para chocos Redondela, para empanadas Bandeira, para lampreas Arbo, para sardiñas Sada, para cocido Lalín, para marisco O Grove, para polbo O Carballiño... Así é a nosa tradición gastronómica popular. E así son as nosas festas. Unha enchenta que percorre o país sen tregua. Festas gastronómicas de Galicia é un interesante traballo de campo feito por Mariano García e Fina Casalderrey. Estudio introductorio, 116 fichas con máis de 240 festas gastronómicas, arredor de 40 receitas, un calendario con tódalas festas e unhas fotografias ben ilustrativas, son as aportacións deste libro, útil e práctico, de manexo rápido, pensado entre o traballo de investigación e a guía turístico-culinaria.