Era de obriga que a Biblioteca-Arquivo Teatral "Francisco Pillado Mayor" rendese homenaxe a D. Ricardo Carvalho Calero no décimo cabodano do seu pasamento, e nada nos pareceu mellor que reunir nun volume os seus escritos sobre teatro. Non é necesario recordarnos a importancia de don Ricardo como historiador e crítico da nosa literatura e o que significou a súa monumental Historia da Literatura Galega Contemporánea, mais compría que tivésemos tamén a medida das súas achegas e aproximacións á historia do teatro. Nesta colectánea recollemos trinta e dous textos. Traballos elaborados ao longo de case corenta anos, que foros publicados, ou lidos, nos máis diversos medios: artigos para xornais e revistas, ponencias, conferencias, traballos de investigación, e mesmo un programa de man e mais un prólogo.