Nos medios de comunicación escóitanse habitualmente termos tales como: macroeconomía, PIB, oferta, demanda, etc., cun significado que, en xeral, é descoñecido. Por este motivo, este texto pretende axudarlle ao alumno, en primeiro lugar, a coñecer e a dominar estes conceptos e a familiarizarse con eles, e en segundo lugar, a ser capaces de elaborar xuízos críticos sobre os temas actuais. Sen embargo, coñecer o significado destes termos non serviría para nada sen a análise crítica dos problemas económicos do noso contorno máis próximo e da sociedade en que vivimos; se non se identificaran os valores propios da economía de mercado e se comparasen con outros sistemas económicos, para o que se ofrece unha explicación clara, precisa e suficiente do funcionamento dunha economía. Para a explicación dos conceptos e das teorías recorreuse a unha presentación intuitiva, apoiada en representacións gráficas e en esquemas; por outra banda, na aplicación das formas e das técnicas matemáticas preséntase o esencial e imprescindible. Para facilitar a aprendizaxe de todos os conceptos económicos que poidan resultar novidosos ofrécense actividades ao longo de toda a unidade e ao final dela unha relación de conceptos básicos e un resumo de todo o estudado, así como unha serie de exercicios e cuestións de autoavaliación para comprobar se se asimilaron os diversos conceptos. Finalmente, pódese seguir a evolución do pensamento económico através da historia lendo a páxina final de cada tema.
