Este Dicionario de Fraseoloxía Galega, preparado por Carme López Taboada e Mª Rosario Soto Arias, recolle case dez mil frases feitas, o que supón o maior repertorio lexicográfico deste tipo publicado en lingua galega. A información proporcionada en cada entrada dividiuse en catro campos: a clave, a frase, o significado e o texto. No campo da " clave " identifícase a palabra de maior peso semántico do núcleo da frase, sendo, con frecuencia o substantivo primeiro en aparecer na orde de lectura, ou de non habelo, o verbo, o adxectivo ou o adverbio. No campo da " frase " diferénciase entre núcleo e contorna (identificado entre corchetes). No campo de " significado " preséntase a definición da entrada, enriquecida polas marcas de rexistro lingüístico ou de información metalingüística. Por último, no campo " texto " , proporciónase un exemplo de uso documentado, extraído de fontes literarias e xornalísticas, identificadas cunha clave. Este Dicionario de Fraseoloxía Galega inclúe, ademais, un apéndice de correspondencias casteláns das frases incluídas no dicionario.