INVESTIGACIÓN E INFORMACIÓN: GENERAL



BARTHES FILÓSOFO (GARCÍA SOTO, LUÍS)
Dentro da complexidade da súa obra, o propio Roland Barthes discerniu catro "fases": mitoloxía social, semioloxía, textualidade e moralidade. Neste libro, Luís G. Soto estuda ese mesmo percorrido seguindo, en orde cronolóxica, todos os seus títulos, cuxos contidos son expostos, analizados e interpretados. Cunha achega inicial á vida do autor e ao contexto da súa obra, no ensaio saliéntase que neses catro dominios (a crítica, a ciencia, a estética, a ética) Barhes non está instalado na verdade, senón que a busca: ao modo dos filósofos clásicos, non a posúe, senón que a quere. Como aqueles, máis que ser sabio (ter o saber), é amante da sabedoría (perséguea, preténdea): filosofa, é filósofo. O obxectivo de Barthes filósofo é recoller esa variedade, dar razón dela sen a sacrificar, colocándoa baixo o prisma da filosofía. É a mesma obra de Roland Barthes a que dá para proceder así.

CRISE GLOBAL E CRUSE DA POLÍTICA . UNHA OLLADA DENDE GALICIA (PÉREZ TOURIÑO, EMILIO)
Efectivamente, tal como o describe no limiar o xornalista Fernando Salgado: "Emilio Pérez Touriño proponnos neste ensaio múltiple, composto por artigos publicados na prensa e textos ata agora inéditos, unha lúcida reflexión sobre o [...] dramático día despois. [...] Un cambio de época que anuncia un novo paradigma socioeconómico, probablemente con novos actores e distintas políticas, malia a teima das forzas hexemónicas en restaurar o vello modelo neoliberal que foi precisamente o que rebentou, con estrépito, a partir do afundimento de Lehman Brothers". A reflexión de Pérez Touriño realízase dende unha perspectiva galega e co propósito de promover o debate que precede á acción transformadora. Trátase, por unha banda, da visión analítica dun economista perspicaz que repensa en clave inconfundiblemente galega a xénese, desenvolvemento e impacto da crise económica. Pola outra, pon encol da mesa a proposta dun político experimentado que demostra que é posible devolverlle a ilusión a Galicia. Como apunta Salgado no prólogo, "Velaí a orixinalidade, e confiemos en que a eficacia, desta obra".

TEMPO DE INCERTEZAS (GAGNON, ALAIN-G.)
Por múltiples razóns, as nacións minoritarias en busca de recoñecemento e de homologación teñen que superar, hoxe máis ca nunca, numerosas probas. A desconfianza das nacións grandes, os prexuízos das organizacións internacionais, que son máis favorables á estabilidade dos réximes xa establecidos, a fragmentación das colectividades arredor de proxectos plurais e a división das forzas políticas responsables das reivindicacións nacionais son algunhas delas. Malia ser esencial unha política a prol do recoñecemento das reivindicacións nacionais para que poidan existir unhas relacións sas entre nacións, compre que os estados con diversidade nacional dean un paso adiante instaurando unha política de acomodación máis flexible. Inspirada en investigacións sobre o federalismo multinacional, esta obra de Alain-G. Gagnon abre un debate sobre os motivos polos que os cidadáns necesitan institucións comúns para profundar no exercicio democrático e acrecentar os cambios intercomunitarios.

A INVESTIGACIÓN EDUCATIVA EN GALICIA 2002-2014 (SANTOS REGO, MIGUEL ANXO)
O seu propósito é sistematizar e divulgar as achegas do traballo desenvolvido contando tamén coa implicación de mestres e profesionais doutros niveis de ensino. O volume amosa a diversidade de eidos e núcleos de interese que alicerzan a curiosidade científica arredor dos procesos educativos, dentro e fóra da escola, e mesmo a pluralidade de enfoques e métodos de investigación desenvolvidos durante máis de dez anos. Trátase de poñer ao dispor da sociedade un conxunto de análises e datos para a prevención do fracaso escolar, a mellora da innovación educativa nas escolas, a formación dos profesors, a xestión da diversidade cultural e o aproveitamento dos coñecementos das familias nos procesos educativos. Concibido desde ámbitos coma a psicoloxía da educación, a tecnoloxía educativa ou a formación e a orientación, o libro ten o obxectivo de axeitar a educación ás necesidades da cidadanía no século XXI.

DE CAMIÑOS, VIAXEIROS E CAMIÑANTES (LAMAS, SANTIAGO / MATO, ALFONSO)
E xullo de 1927, Vicente Risco, Ramón Otero pedrayo e Ben-Cho-Shey camiñaron dende Ourense a Santo André de Teixido, no cabo do mundo. En De camiños, viaxeiros e camiñantes, Santiago Lamas e Alfonso Mato desenvolven unha reflexión suxerente sobre o significado cultural das viaxes, sobre a relación entre camiño e literatura, movemento e lectura. Sobre os peregrinos, paseantes, guías de viaxe, turistas e vagabundos literariso, ademais das actuais e, nalgúns casos, perversas formas de camiñar. Desde a actualidade, o libro dialoga coa Galicia de inicios do século XX mediante un estilo aberto e rico, seguindo o ronsel do ensaio e da digresión que descubriu e practicou con singular brillantez Michel de Montaigne.

TEMPOS CHEGADOS? . SOBRE O FUTURO POLÍTICO DA GALIZA (BERAMENDI, JUSTO / EVANS, JOÁM / PORTERO, JOSÉ ANTONIO / VENCE, XAVIER)
Libro colectivo e plurilingüe, Tempos chegados? está formado por catro ensaios sobre a forma de organización política dunha sociedade, a galega, tanto no momento actual coma no futuro. No epílogo, Arturo de Nieves e Carlos Taibo, editores do libro, describen os seus obxectivos deste xeito: «A nossa intenção, porém, é contribuir para o que consideramos deveria ser uma escolha madura e reflexiva por parte da cidadania galega; a forma de organização política duma sociedade é determinante no bem-estar das pessoas que a integram e por isso achamos que não se deve fundamentar em inércias do passado ou em desinformação do presente. Parece-nos, no entanto, que seja qual for o modo de organização política preferido polos galegos e galegas, essa escolha deve ser livre e informada. Se esta obra é capaz de contribuir para esse propósito, mesmo da forma mais modesta, consideraremos que foi um sucesso.» Dos catro ensaios recollidos neste libro, tres aséntanse na institución Estado, mentres que o cuarto e último defende un proxecto situado lonxe desa institución. Pola súa banda, entre os tres primeiros, dous entenden Galiza como unha parte do Estado español, mentres que outro considera, polo contrario, unha Galiza independente. Ten o seu interese salientar como cada un dos autores outorga, nan sua análise, maior importancia a unhas ou a outras materias: o Dereito no texto de Portero, a Historia recente no de Beramendi, a Economía no de Vence e a Historia máis afastada no de Evans. Ambos os dous editores deixan nas mans de quen lea determinar se as opcións lingüístico-ortográficas dos autores teñen algún significado salientable: Portero emprega o castelán, Beramendi e Vence sérvense do galego e Evans escribe en portugués.

LOS CUERVOS DEL VATICANO (FRATTINI, ERIC)
A las 19:07 hora del Vaticano, aparecía fumata blanca en el segundo día del cónclave, tras la quinta votación. A las 20:22, el cardenal protodiácono de nacionalidad francesa, Jean-Louis Tauran, aparecía en el balcón de San Pedro y pronunciaba las famosas palabras ante la atenta mirada de millones de personas:«Annuntio vobis gaudium magnum; habemus Papam: Eminentissimum ac Reverendissimum Dominum, Dominum Georgium Marium Sanctae Romanae Ecclesiae Cardinalem Bergoglio qui sibi nomen imposuit Franciscum». El argentino cardenal Bergoglio se convertía en el 266.º papa de la Iglesia católica. Su nombramiento era el último capítulo del asunto conocido como el caso Vatileaks, y una de las primeras batallas del nuevo pontífice.Los cuervos del Vaticano revela una historia de mayordomos traidores, filtraciones de documentos, comisiones secretas de investigación, del servicio de espionaje y contraespionaje del Vaticano, de prelados que denuncian la corrupción y que son alejados de inmediato de San Pedro, lavado de dinero, altos miembros de la mafia siciliana, un complot para asesinar al papa, una adolescente desaparecida y supuestamente utilizada como esclava sexual, una guerra entre periodistas y directivos de la prensa católica, un presidente del IOR cesado y con miedo a ser asesinado... Y es que, en el Estado de la Ciudad del Vaticano, la realidad siempre supera a la ficción.