Teodosio, o pai; Orestes, o fillo; e Diana, a súa namorada son os tres protagonistas de Agnus patris, unha breve e intensa traxedia, que arranca argumentalmente dos aconteceres dunha cea intrascendente de familia. Unha obra que demostra que, aínda hoxe, a traxedia se amosa como esencia do mundo. Cunha economía máxima de recursos, unha linguaxe escénica que non ten medo a reivindicar a vixencia da herdanza simbolista e unha voz dramática que parte da trivialidade da fala cotiá para desembocar na plural densidade de significacións da poesía, o texto de Afonso Becerra eríxese nunha proposta singular no panorama das escrituras ibéricas actuais. É un texto que quere ser cifra de aspectos centrais do tempo que o fai posible, pero non xoga a carta do formalismo estéril, nin da parábola política, nin da comedia de costumes.A escritura de Afonso Becerra dótase dos recursos necesarios para enfrontarse a un aspecto importante da paisaxe emocional da súa xeración e da súa época, e por iso xoga a carta da expresión oblicua e da linguaxe densa. Pero o retrato que obtén é implacable. E é que hai unha rara sabedoría nesta escritura aínda temperá: a sabedoría de que a natureza do misterio é a natureza da vida, e que facela posible é e será a clave de calquera futuro desexable. A sabedoría de construír con todo isto carne de escenario, son algunhas das palabras coas que o dramaturgo catalán Joan Casas cualifica esta primeira obra de Afonso Becerra.
En Regreso a ningures Anxo Franco resume su obra poética de dos décadas. Con voz propia habla con escepticismo, pero también con rebeldía, de los regresos a través del espacio y el tiempo a ese territorio sin nombre ni edad donde fermentan los sueños.
En Papaventos, Xavier Queipo transpórtanos desde as douradas praias de California ó País da Brétema, pasando por Chicago, a cidade onde o protagonista coñecera o frío e a felicidade, o amor e a estabilidade emocional. A historia de Papaventos ten a súa orixe na morte de Giovanni Portiero, traductor de José Saramago ó inglés. Portiero morreu cego, logo dunha longa enfermidade incapacitante e ó pouco de rematar a traducción de Ensaio sobre a Cegueira. Saramago contoullo, totalmente abraiado, a Donzelina Barroso, nunha entrevista que lle concedeu para a revista literaria The Paris Review, editada en Nova York no inverno de 1998, logo de recibir o Premio Nobel. Xavier Queipo quere " que ninguén procure outra semellanza. Agás esta anécdota, que dá orixe ó conflicto da novela, o resto da trama, é ficción. Por respecto a Portiero. Por respecto a Saramago. Por respecto a quen lea esta novela " . A partir, pois, desta anécdota real Queipo ensarilla unha historia que narra a desposesión da luz, a privación da seguridade que ofrece a percepción dun mundo de coordenadas coñecidas, para se mergullar na loita interior dun personaxe enfrontado coa fatalidade. Papaventos é unha novela de amor e confusión, de busca e desposesión dos sentidos, unha viaxe iniciática, unha procura constante da iluminación e do equilibrio.
Ópera prima de Xosé Manuel Villanueva, Adeus India, adeus é o testemuño literario de toda unha xeración, unha obra na que o autor descobre os desenganos e desilusións dos mozos que nos anos sesenta pretenderon cambiar o mundo con revolucionarias propostas e ideas. Preséntase como unha intensa experiencia de vida na que se amosa a imaxe da amizade reflectida nas accións e nos sentimentos dos personaxes. É unha historia difícil, ben construída, coa que Villanueva irrompe no territorio da literatura galega con forza e voz propia.