Gallego (galego)



FONÉTICA E FONOLOXÍA HISTÓRICAS DA LINGUA GALEGA (MARIÑO PAZ, RAMÓN)
O cambio lingüístico calla cando unha innovación fonética, fonolóxica, morfolóxica, sintáctica, lexical, semántica ou pragmático-discursiva alcanza un suficiente grao de difusión nas distintas variedades dun idioma. Estas innovacións nacen ás veces debido a impulsos que teñen que ver estritamente coa necesidade de que as linguas se manteñan como sistemas ordenados de signos, mais a miúdo responden á influencia de condicionantes extrasistémicos, nomeadamente de carácter social. A tarefa do lingüista histórico consiste en valerse de fontes de estudo sempre precarias para reconstruír a secuencia de mudanzas experimentadas por un sistema lingüístico desde un pasado adoito remoto ata o presente, así como en indagar sobre as motivacións que as propiciaron. Moitas das páxinas deste libro están dedicadas á exposición das mudanzas fonéticas e fonolóxicas que mediaron entre o latín que os romanos trouxeron á Gallaecia no século II a. C. e o galego que chegou ás portas do século XVI. É un período moi extenso cuxa exposición non podemos subdividir, porque a escaseza dos coñecementos que temos sobre o latín galaico e o protorromance galego aínda non nolo permite. O percorrido complétase coa reconstrución das mudanzas do galego medio (sécs. XVI-XVIII) e do galego contemporáneo (sécs. XIX-XXI), que vive certamente asediado por graves problemas, mais sostido por un grupo social aínda numeroso e en condicións de desempeñar todo tipo de funcións comunicativas.

… E OS DOMINGOS, UN CROISSANT . DIARIO DUN ENCONTRO COA VIDA (HEINZE DE LORENZO, URSULA)
Tras padecer una profunda depresión, la escritora y filóloga Ursula Heinze (autora de una extensísima y premiada obra literaria) decide ingresar voluntariamente en el sanatorio psiquiátrico La Robleda, próximo a Santiago de Compostela. En este libro relata los dos meses de finales de 2014 que pasó internada tratando de superar su enfermedad. Escribió día a día. La obra que el lector tiene en sus manos es el retrato coral, intenso y hondamente humano de la vida en un psiquiátrico. «Aquí, en el Sanatorio, podemos vivir como realmente somos –afirma Ursula–. Fuera, el mundo es real pero, para sobrevivir, tenemos que disfrazarnos».

MANUEL ANTONIO. UNHA VIDA EN REBELDÍA (AXEITOS AGRELO, XOSÉ LUÍS)
Manuel Antonio embarcou en 1926 no Constantino Candeira para navegar a vela os douscentos días de mar preceptivos na procura dun medio de vida. E desembarcou ao ano seguinte, sen traballo pero consagrado como poeta. Esa foi a consecuencia lóxica da súa firme vontade de querer ser escritor, un anhelo que atravesou e anoou a vida e a obra do rianxeiro. O título desta biografía quere ser metáfora dun camiño de risco -a rebeldía- para ir na procura da maior liberdade posible: Manuel Antonio elixe unha opción política minoritaria -o nacionalismo das Irmandades- cando a tradición familiar lle podería reservar un lugar de privilexio nas ringleiras dos poderosos partidos «turnantes». E aspira, perigosamente, a un lector laborioso e esforzado intelectualmente, porque deste xeito poderá ofrecerlle textos onde non falten as dificultades e os procedementos experimentais -léxicos, rítmicos, gráficos e tipográficos- que un escritor ambicioso poida propoñer. Deste xeito, liberado da crítica e do lector tradicional instalado na estética dominante, Manuel Antonio camiña sen reservas polo vieiro experimental e innovador. En liberdade

VIVIR SEN PERMISO E OUTRAS HISTORIAS DE OESTE (RIVAS, MANUEL)
Este novo libro de Manuel Rivas contén tres historias que, ao xeito da serie negracriminal, retratan un tempo histórico onde se acrecenta o poder das mafias, da cobiza, do diñeiro sucio e da corrupción. Mais tamén son historias que nos mostran a condición humana situada no límite, relatadas desde a maxia literaria dunha escrita impactante, poderosa e directa. En «O medo dos ourizos», dous mozos mariñeiros, que subsisten en precario, atopan no mar un tesouro, fardos procedentes do narcotráfico, que pode facelos ricos ou custarlles a vida. En «Vivir sen permiso», Nemo Bandeira, un poderoso magnate que levantou o seu imperio por medios ilícitos, consegue borrar as pegadas do seu pasado criminal, mais vaise atopar cun inimigo íntimo, inesperado e invencíbel. En «Sagrado mar», un mozo presidiario, apaixonado pola lectura, ten que enfrontarse non só co sistema carcerario, senón tamén co dilema da obediencia ou desobediencia ante o dominio que exerce un capo no interior da cadea. «Vivir sen permiso e outras historias de Oeste» é un libro fascinante, de literatura na beira, na marxe do risco, que o autor define como literatura vagabunda ou estremeira. Alí onde a cuestión final non é tanto ter ou non ter poder senón ter ou non ter liberdade.

HISTORIA DO MUNDO CONTEMPORÁNEO 1º BACH. (ROMERO MASIÁ, ANA / ALFEIRÁN RODRÍGUEZ, XOSÉ)

O libro agrupa a información en tres grandes bloques cronolóxicos: 1750-1914, 1914-45 e 1945-2008. En canto ao tratamento dos contidos, predomina o tratamento global e diacrónico no exame das grandes transformacións económicas e políticas do século XIX que conforman o mundo contemporáneo -revolución industrial, revolución política liberal, burguesía e proletariado, imperialismo- así como no estudo dos cambios e continuidades que afectan ao mundo actual -Guerra Fría, capitalismo e socialismo real, descolonización e Terceiro Mundo-; mentres que para o estudo das graves crises e conflitos do mundo de entregueras Gran Guerra, Revolución rusa, Crac do 29, Fascismos, Segunda Guerra Mundial- predomina un tratamento máis pormenorizado e temático. Os autores parten da idea de que o alumnado debe manexar e comentar un bo número de materiais documentais da época (textos, gráficas, estatísticas, mapas, fotografías, obras de arte...). Por iso en cada unha das unidades temáticas están recollidos numerosos documentos que forman parte da información, é dicir, non son meros complementos dun discurso de autor, senón que son eles os que realmente proporcionan a información histórica; o traballo dos autores céntrase na organización e recollida desa información redactando un fío condutor que facilita ao alumnado a correcta comprensión da documentación orixinal. Na selección desta documentación os autores incorporaron fundamentalmente fontes primarias accesíbeis e comprensíbeis para o nivel de ensino a que está destinado o manual. Os documentos escritos preséntanse convenientemente reducidos ás súas mensaxes básicas, destacando aqueles aspectos que máis interesaban para o tema a tratar. Na referencia bibliográfica dos textos consígnase sempre o autor, o título e a data da primeira redacción ou publicación sen especificar (por consideralo de escasa ou nula relevancia) a edición concreta que foi manexada. Ao comezo de cada unidade figuran enderezos da Internet e títulos de filmes que poden ser utilizados para completar a información do libro de texto. O manual achega tamén un anexo final de técnicas de traballo pensadas par facilitar ao alumnado o traballo cos materiais documentais de carácter textual, gráfico e audiovisual.

PEQUENO DICIONARIO XERAIS DA LINGUA (NAVAZA, GONZALO / ARES VÁZQUEZ, CARME / CARBALLEIRA ANLLO, XOSÉ MARÍA / IGLESIAS SIERRA, PRIMITIVO / LEMA, XOSÉ Mª / LÓPEZ FERNÁNDEZ, ROSA)

O máis exitoso dicionario de lingua galega, agora ampliado e actualizado. Unha obra ideada para a consulta básica de termos do noso idioma e óptima para o seu manexo no ámbito escolar. - Novo deseño, máis atractivo e pensado para facilitar a busca da información. - 19.500 entradas, das cales 1.500 son de nova incorporación. - Máis de 31.500 definicións. - Exemplos aclaratorios de usos e significados. - Sinónimos, frases feitas e expresións. - 7.000 familias léxicas que favorecen a adquisición de vocabulario. - Indicación da pronuncia en casos que poden levar a confusión. - Láminas a cor con léxico específico ilustrado: topónimos, partes do corpo, animais, árbores, ferramentas, instrumentos musicais, partes da casa. - Novo apéndice ortográfico e morfolóxico coas principais normas, paradigmas e modelos de conxugación verbal.