Gallego (galego)



TRES MULLERES GALEGAS DE ARMAS TOMAR . MARÍA BALTEIRA, MARÍA CASTAÑA, MARÍA SOLIÑA (DOMÍNGUEZ TOURIÑO, GUILLERMINA / ESTÉVEZ SALAZAR, FELICIA)
Guillermina Domínguez, historiadora, e Felicia Estévez, filóloga, actualizan un traballo que tivo xa un gran percorrido e que obedece a unha demanda tanto nos centros de ensino como nos focos de investigación do papel das mulleres na historia e da súa visualización na sociedade actual. O seu obxectivo non é facer unha profunda investigación, senón só ?que non é pouco? transmitir o pulo que mulleres como as que son o eixo da publicación lle deron á mesma historia, o que loitaron, o que sufriron por seren mulleres. A obra, estruturada en tres partes, comeza cada unha delas cunha reflexión sobre a vida das mulleres no tempo que a cada unha das protagonistas lles tocou vivir: o século XIII para María Balteira, o XIV para María Castaña e o paso do XVI ao XVII para María Soliña. As autoras empregan como fontes, ademais de bibliografía, documentos históricos que consultan en arquivos ou cantigas medievais, contrastando a interpretación que estas fontes ofrecen sobre as tres Marías coa súa propia, tendente a desbotar os mitos que a ideoloxía patriarcal creou sobre as tres protagonistas... como sobre outras tantas mulleres.

DICIONARIO XERAIS DA LINGUA (CARBALLEIRA ANLLO, XOSÉ MARÍA / ARES VÁZQUEZ, CARME / HERMIDA GULÍAS, CARME / IGLESIAS SIERRA, PRIMITIVO / LEMA, XOSÉ Mª / LÓPEZ FERNÁNDEZ, ROSA)
O Dicionario Xerais da Lingua, publicado en 1986, supuxo -dende as súas catro edicións e múltiples reimpresións- un avance enorme na lexicografía galega contemporánea. O novo Dicionario Xerais da Lingua é un instrumento de traballo e apoio ó estudiante de ensino secundario -ou para calquera outro usuario da lingua, na medida en que actualiza e incorpora o léxico que ó longo destes anos se foi fixando dentro do estándar.

RELATOS PARA TELEVISIÓN (CORDAL, XABIER)
Unha curtametraxe -acerca do paradoxo da literatura como parte da vida- serve de portal a outros once relatos escritos para televisión. Algúns gardan desenlaces sorprendentes e, igual ca un tapiz, fíos que só cobran sentido a través da distancia. Calquera orde de lectura é a correcta. O conxunto semella inclasificable: a área de descanso da autovía Madrid-Vigo convertida en zona cero dunha invasión alieníxena, un vampiro existencialista que compra compulsivamente, un neno coa capacidade de ver constelacións dentro dunha saia, dous sinistros emprendedores, unha viaxe ao fondo lendario do mesmo atlántico que mudará en épica a distopía. Sobre as rúas de Artabria, en realidade tamén baixo o seu formigón gris, conspiran organismos biocibernéticos -ás veces entrañables, ás veces letais- e un conto deste libro ben podería ser o primeiro do noso idioma deseñado e escrito a partir dunha app, afirmou o autor nunha entrevista. Diversas idades no espazo urbano que abala de Ferrol á Coruña enmarcan, ademais, certa alegoría política desde a ollada xuvenil e marxinal, un sórdido matrimonio que prepara o advento do Anticristo ou ese banquete familiar de clase alta que oculta un terrible segredo.

ANTÓN E OS INOCENTES (MÉNDEZ FERRÍN, X. L.)
Aparecida por primeira vez en 1976, a novela Antón e os inocentes segue a nos interpelar na contemporaneidade. Unha escrita hábil e desbordante é a responsable de encher as que, segundo Ferrín, son as súas «páxinas máis exactas, duras e esixentes». Narda e Berto conflúen no Vigo proletario e convulso da década de 1950. Desprégase sobre eles unha tormenta; Antón e a ferida impronunciable dun conflito latente. Este libro é a historia de dous mozos que emprenden unha viaxe cara ás sombras da que é imposible regresar.

QUÉROTE. EU TAMPOUCO (F. SANTOMÉ, CECILIA)
Poden dúas persoas á deriva salvarse mutuamente? Pode a necesidade de amar e ser amado abondar para sobrevivir cando a burbulla da felicidade estalou en mil anacos? Grace e Frank son dous superviventes de si mesmos nun Londres cheo de focos vitais. Son o tráxico resultado de anos e anos de inseguridades, medos, carencias afectivas e unha busca desesperada de aprobación na ollada allea. Cando os seus presentes chocan e se funden nun único futuro, a súa sorte está botada. Illados de todo e de todos, iniciarán unha fuxida cara adiante que lles procure o que a vida ata entón lles negou: unha verdadeira familia. Pero, ás veces, o destino ten outros plans...

UN PEIXE NO PARQUÉ (VILAR LANDEIRA, RAMÓN)
Un peixe no parqué é un atlas de vidas en combustión, de faíscas acesas debaixo da borralla. A medio camiño entre a novela e o libro de relatos, Ramón Vilar Landeira ofrécenos unha narración ateigada de ironía e humor, que trata das parellas que os sábados cean sushi diante da televisión; das pintadas máis insidiosas no váter da facultade; da xente que guinda preservativos dende os seus autos; do olor a naftalina na entreperna; dos camións que veñen de fronte pola estrada comarcal; da funcionalidade das casas prefabricadas; das clases medias e de Le Monde diplomatique; e, sobre todo, dos flashes dos teléfonos móbiles. Un peixe no parqué é ficción cosida coa vida cotiá, que non esquece as contradicións, silencios e esgazamentos da condición humana; ficción na que resoan os ecos deses golpes que o paso do tempo dá no rostro e no corazón ao decatarnos de que todo cambia.

AS MULLERES DA FIN DO MUNDO (ASOREY, DANIEL)
Rebeca observa dende a xanela do seu cuarto a destrución da Capital do Mundo e emprende unha marcha na procura da supervivencia. Fóra de Muros, Blau, muller por decisión propia, lidera o seu pobo nunha revolta contra a inxustiza e a desigualdade. Moi lonxe, nunha terra invadida e desangrada pola guerra, Faheema observa como un helicóptero imperial cae abatido na base do lexionario Tichborne, soldado alistado nunha guerra sen final. Elas e el sobreviven nun mundo que agoniza, aparentemente dirixido polo Supremo Líder, Albert Sabaf. A partir desa diversidade de espazos, todas e todos acabarán por confluír nunha historia en que as mulleres han loitar por construíren o futuro. " As mulleres da fin do mundo " é unha novela de Daniel Asorey que nos deixa sen alento. Foto da portada: © Javier Teniente

GALILEO NO ESPELLO DA NOITE (PAZ, XABIER)
Galileo, un dos astrónomos máis célebres da humanidade, vese proscrito de vello, condenado polo Santo Oficio. El, que fora filósofo oficial na corte dos Medici e persoa reputada e achegada á curia pontificia, agora está maldito. Desde a vellez, o sabio cavila sobre a súa vida e a súa desgraza. Galileo no espello da noite é unha novela que nos mergulla na súa propia memoria, a través da que desfilan o cativo acosado pola nai, o estudante irreverente, o home testalán, o pai de familia e o filósofo e científico xenial. Sen esquecer a importancia que tiveron as mulleres na súa vida, sobre todo a súa filla, a narración vai compoñendo o tapiz dunha traxedia na que, canto máis avanza o seu coñecemento dos ceos máis o apertan as ameazas dos rivais e inimigos.

REMEXIDO DE PATACAS (RÍOS LISTE, ELISABET)
A receita de hoxe é unha forma sa e saudable de emendar os hábitos aprendidos nesta sociedade. A partir do momento que experimentes a eliminación das desigualdades nos teus costumes comezarás a sentir os beneficios tanto na túa existencia como na da xente que te rodea. Cuns sinxelos ingredientes e unha elaboración nada sofisticada podes cociñar as estadas necesarias para cambiar as referencias que nos transmitiu a historia e que son incompatibles coa vida. Ingredientes: equidade, empatía, sororidade e disidencia. Elaboración: abrir as páxinas da novela, ler para divertirse, reflexionar sobre o seu contido e, antes de pechala, procurar que o pouso non esvaeza. Non é necesario engadirlle prebe ningún. A retranca e o humor xa son excelentes condimentos. Úsaos ao gusto. Goza da lectura e, se che gusta, comparte esta receita na túa rede social favorita!

COMO FALAR E ESCRIBIR EN GALEGO CON CORRECCIÓN E FLUIDEZ (CALLÓN, CARLOS)
De xeito desenfadado e mediante anécdotas, neste libro práctico ofrécense consellos para darmos o paso de usar o galego e para mellorarmos a nosa calidade lingüística, desbloqueando os prexuízos e medos aprendidos e asumindo que os problemas con que nos encontramos moitas veces non son de orixe gramatical, senón social. Este libro é útil para un público diverso, interesado na lingua nosa, desde persoas que queren comezar a falala ata estudantes de calquera nivel ou persoas que desexan mellorala.

ABAU 2019. LINGUA E LITERATURA. AVALIACIÓN DE BACHARELATO PARA O ACCESO Á UNIVERSIDADE (MOSTEIRO GARCÍA, MANUEL ANTÓN)
«Lingua e literatura. Avaliación de bacharelato para o acceso á universidade (ABAU) 2019» é unha obra que pretende servirlle de axuda ao alumnado de Lingua e literatura galega de 2º de bacharelato para preparar a proba de acceso á universidade do ano 2019. Ofrécense, resoltas, as catro probas que se formularon o pasado ano nas convocatorias de xuño e setembro e, seguindo o mesmo modelo, seis textos máis con propostas alternativas que sirvan de práctica para afrontar a avaliación de bacharelato deste curso. Ademais, aconséllase de forma exemplificada sobre a correcta resolución das actividades, incidindo sobre todo no referente ás preguntas de sociolingüística e literatura, así como na análise de textos (esquema de ideas, resumo, título, tema, estrutura e comentario crítico) e nas ideas para o argumentario dos comentarios.