Gallego (galego)



ALÉN DAS BRUMAS (GONZÁLEZ COSTA, TERESA)
Que pode representar un faro unha noite de treboada? Un refuxio para maquillarse e esquecerse. A decisión de abandonar a ciencia e o mundo exterior. Unha loita con aparicións familiares e co pasado. Un intre para desdebuxar ese fío de voz insistente no vento. Pero que pasa se esa ecuación chamada Eloisa é de súpeto alumada polos propósitos e escintileos dun electricista inusual?

DRAMATÍCULAS (BECERRA ARROJO, AFONSO)
A medio camiño entre un libro de contos e un de poemas sitúanse estas partículas. Algunhas dramáticas, outras posdramáticas. Nas primeiras encétanse fíos narrativos que se desenvolven pendurados da acción verbal, nas segundas ábrense fendas nas que a acción foxe do relato para ser son, movemento e xesto puros. Como na vida, hai escenas de amor e desamor. Hainas de personaxes que se buscan. Hainas de voces que non chegan a ser personaxes porque non dan construído a súa identidade. Hai escenas de sexo. Hainas de pensamento. Pero en todas, os personaxes, de habelos, han ser a actriz ou o actor que os actúe e os diga, han ser as lectoras e os lectores que queiran xogar con estas dramatículas. Porque, á fin e ao cabo, o que aquí se propón é un xogo coas voces que ha chamar polo corpo

MANUEL MURGUÍA (RABUÑAL, HENRIQUE)
O presente libro propón-nos unha viaxe, ao tempo rigorosa e emocionada, pola biografia intelectual de Manuel Murguia durante a cal se percorre a história galega desde o levantamento de Solis en 1846 até os tempos esperanzados da II República. Na viaxe, xunto ao do Patriarca arteixán, outros nomes van cobrando vida: Aguirre, Pondal, Vicetto, Rosalia, Curros... Henrique Rabuñal quixo salvar do esquecimento, xustamente no 75º aniversário do seu pasamento, un dos nosos primeiros historiadores, un dos teóricos paradigmáticos do nacionalismo, pero tamén o xornalista comprometido, o crítico de arte e literatura, o home enfin que simbolizou como ninguén e durante case un século o compromiso con Galiza. Esa pretensión é a que levou ao xúri do Prémio Carvalho Calero a galardoar este ensaio chamado a converter-se en referéncia bibliográfica imprescindíbel dunha das personalidades máis ricas e emblemáticas da nosa história contemporánea. Premio Carvalho Calero de Ensaio 1998.

NOVONEYRA, CELSO EMILIO. . OS EIDOS, LONGA NOITE DE PEDRA (VEIGA, MANUEL CASTELAO)
Estes dous ensaios sobre Os eidos, de Uxío Novoneyra, e Longa noite de pedra, de Celso Emilio Ferreiro caracterízanse por un triplo propósito: en primeiro lugar, o afán de fidelidade ao texto, a analizalo a partir de si, a explorar as súas articulacións, a procurar a relación de máxima intimidade con el; en segundo lugar, a tentativa de pensar o texto, levado pola imaxinación teórica propia do xénero ensaístico, nun xogo de ida e volta entre a análise minuciosa e a reflexión sobre o literario; en terceiro lugar, a vontade de comunicar esa experiencia a outros, achegándoa á sociedade da que e en que os textos nacen, tarefa esta máis premente cando a literatura constituíu e constitúe un lugar privilexiado na inacabábel construción da identidade de Galiza e na súa proxección universal. Por tanto, este traballo querería ser útil para calquera lector interesado na literatura e a cultura contemporáneas, para o investigador ou o especialista e, con certeza, para o profesional do ensino que queira beneficiarse dun traballo con efectiva aplicación á hora de axudar a ler, comprender e facer gozar estes textos aos seus alumnos, no ensino medio ou universitario.