O ALGa é un proxecto fundacional do ILG para describir a riqueza da variación xeográfica do galego moderno. Entre 1974 e 1977 tres investigadores do Instituto realizaron in situ as enquisas en 167 puntos do dominio lingüístico (152 de Galicia e 15 das comarcas galegófonas de Asturias, León e Zamora). Cubriuse un cuestionario de 2.711 preguntas, cun promedio de 4.000 formas recollidas por localidade, coas que se creou unha base de datos de case medio millón de rexistros na que se inclúe o texto das respostas e abundante información complementaria. A conexión entre esa base e un programa de xestión de información xeográfica permite a representación cartográfica inmediata de cada resposta
A obra que tes entre as mans mostra, baixo títulos suxestivos, espectaculares imaxes acompañadas dun breve texto que, dunha forma curiosamente orixinal, proporciona algún dato do que aparece en cada fotografía. Considerando o número de especies fotografadas, así como a súa diversidade, formas e cores representadas, parece que estamos diante dun pequeno tratado de botánica, onde podemos ver musgos, fungos, fieitos, plantas superiores (as máis numerosas) e até algún dos insectos relacionados co mundo vexetal. Como as especies comprendidas nesta colección son as máis coñecidas e abundantes no noso país, o tratado resultará moi interesante para todas as persoas amantes da natureza, que atoparán os exemplares retratados nos campos máis próximos aos seus fogares. No texto fálase das características importantes ou curiosidades dalgunhas plantas, das crenzas populares de outras, dos lugares onde é frecuente atopalas por ser o seu hábitat ou da función que exercen na natureza. Tamén se suxiren as formas de aproveitalas, facendo relación á similitude cos obxectos comúns da vida cotiá e destacando as características polas que deben ser admiradas. Sendo un traballo esencialmente fotográfico, como tal foi realizado, hai que valorar o contido botánico que encerra. Se nas guías de plantas as descricións deben ir acompañadas dunha ilustración que mostre de maneira nítida as partes e os detalles de cada unha das especies, estas fotografías cumpren perfectamente ese cometido. (Prólogo do libro a cargo de Henrique Niño Ricoi)
Quinto volume dunha serie de Literatura Universal Contemporánea que fala dos escritores e escritoras que cambiaron o rumbo da Literatura coa achega de anovadoras técnicas narrativas, nomeadamente co emprego do monólogo interior e coa introdución da multiplicidade de perspectivas na presentación da realidade. Céntrase a atención en autores en lingua inglesa como James Joyce, Virginia Woolf, William Faulkner ou John Dos Passos, entre outros. Propóñense como actividades, o comentario de varios textos narrativos, dramáticos e poéticos, seguindo as pautas empregadas nas unidades anteriormente publicadas. Recoméndase o conto Os mortos, de James Joyce, a novela A señora Dalloway, de Virginia Wolf, Térèse Desqueyroux, de François Mauriac e a obra teatral Seis personaxes en busca de autor, de Luigi Pirandello. De grande utilidade tanto para o profesorado e o alumnado como para calquera persoa interesada en ter unha completa visión do máis destacado das renovacións literarias.
A illa Reunión como un espazo mítico, unha illa para atopármonos. A escena ten lugar en Galicia, é dicir, nalgures, nunha illa Reunión imaxinaria, afastada, inventada para xuntármonos. Ese espazo onde cadaquén procede dun lugar ou é herdeiro dunha historia de viaxeiros. Un lugar que nos permite mudar a nosa imaxe pero levando ás costas todo o pasado, o noso e o herdado.
No mes de marzo do ano 2001 as edificacións das rúas Hospital e Tabares da cidade da Coruña foron derrubadas por máquinas de dentes de ferro que levantaron unha poeira que cubriu o barrio enteiro. Durante as semanas anteriores e nos días que duraron os traballos de demolición, Maribel Longueira permaneceu atenta, rexistrando coa cámara as paredes e a súa caída; e tamén os cascallos, anacos dun tempo perdido nos que se podía presentir o que albergaron durante anos os andares e os cuartos dos edificios agora arruinados: os berros e saloucos de pracer e de sufrimento, a sensualidade, se cadra a ledicia, seguro que a tristeza... A realidade controvertida dun comercio protagonizado polos corpos das mulleres e do que eran testemuñas as paredes vencidas e os obxectos espallados entre o po e a lama. En principio soa, máis tarde coa complicidade da escritora Luísa Villalta, artellou unha historia sobre a memoria dunha arquitectura xa desaparecida, o denominado barrio do Papagaio, semellante aos que existiron e aínda existen noutras cidades do mundo.