Como explica o seu autor na introdución do mesmo: Penso que hoxe o termo creba é ben coñecido. Moito contribuíu a isto a película Os Crebinsky, pero tamén a literatura feita nos últimos dez anos. Gustaríame que este libro axudase a mellor comprender o que son e que significan as crebas, xa que hai nelas fascinación e misterio. O que segue non esgota o tema. A creba sempre é sorpresa, andar a elas é camiñar na procura do inesperado e nós, os crebeiros de hoxe e de mañá, seguiremos peiteando os areais, remexendo nos coídos, penetrando nas furnas, á procura dunha curiosidade ou dun soño.
O número de turistas italianos en Galicia (e viceversa) vén incrementándose de xeito notable. Igualmente, cada vez son máis os alumnos italianos que cursan estudos de arte na Universidade de Santiago de Compostela. Moitos son tamén os graduados que van especializarse en calquera das ramas das belas artes a Italia, un país de referencia obrigada nesta disciplina e sinalado, ademais, como mercado xeográfico prioritario. A finalidade deste Vocabulario galego-italiano das belas artes. Arquitectura é potenciar o coñecemento da terminoloxía específica das belas artes, máis en concreto do eido da arquitectura, en galego e italiano e proporcionar, así, unha ferramenta útil para unha maior proxección do noso patrimonio artístico en Italia e na atención ao cliente italiano, contribuíndo a mellorar a calidade turística na nosa comunidade e a difundir a cultura galega.
Agora xa foi transcorre na Galiza de 1971, un ano fronteirizo e ambiguo, no que as cousas de puro claras eran equívocas. En Agora xa foi chouta o conflito entre amor e adversidade, camuflado o primeiro sentimento na seguridade que inspiran os dogmas. A historia dun grupúsculo ultraesquerdista nos prolegómenos dunha acción é o pretexto para que Vicente Araguas desenguedelle un estilo característico, cheo de tenrura, humor, escepticismo e distanciamento. Araguas, igual que o seu protagonista Fandiño, casa con todos e non casa con ninguén, sendo o seu debut como novelista o inicio/indicio dunha andaina que promete sentimento e diversión cando non aberta polémica. Ilustración da capa: Raimundo Patiño
Instalado no límite entre a entrega a unha tradición e a crítica subversiva da mesma, o labor de Cunqueiro exemplifica a distancia entre o xesto culturalista banal daquel que retoma os temas do pasado, afirmando unha patética vontade de continuidade, e quen, como é o seu caso, valora, actualiza e repensa a historia literaria, combatendo a mitoloxía do orixinal e da intanxibilidade da obra artística. Premio Carvalho Calero na modalidade de investigación.
1º Prémio Carvalho Calero (1994) na modalidade de Narración Curta, onde visualizamos nove paisaxes que teñen en común Galicia, os galegos, así como un pasado reinventado por el mesmo. Nove historias que, narradas nun ton supostamente épico, rematarán sendo máis ben líricas.
O autor ofrécenos unha presada de relatos vitalistas, adobiados cunhas pingas de escepticismo; algúns de corte clásico, outros un chisco máis atrevidos. Pero todos escritos sen concesións a unha literatura compracente. Son relatos herdeiros dunha literatura social que, á marxe de cuestións estéticas, coloca o individuo como protagonista da época anónima que é a loita pola supervivencia. En definitiva, literatura de compromiso ético co ser humano, cada vez máis desamparado fronte aos intereses de poderes planetarios que tentan rexer e condicionar o seu desenvolvemento en todos os eidos
A literatura -os libros- illas que habitamos, mundo textual que nos mergulla de cheo nunha aparencia, que sentimos con tanta intensidade que poderiamos pensar que -sen ela- o noso mundo estaría incompleto. Onde está a verdade? Na paisaxe -de obxectos e peripecias- que contemplamos ou na realidade perfecta que o escritor inventa para nós? Talvez en ningures, talvez a verdade nin exista e, talvez, non nos importe demasiado. A illa metafórica do Diario dun buscador de libros transfórmase en símbolo en A illa, en punto de unión entre personaxes diversos, mundos fragmentarios, irreais na súa realidade, anacos de pedra rodeados dun mar inclemente. Habitar as illas é un arquipélago menor, dividido en dous relatos, dúas extensas metáforas, un único símbolo. Ferrol, 17 de febreiro de 2003
A novela policial constitúe non só un deses corpos de exército que contribuíron, no curso dos tempos, a impor a novela como comarca dominante no mapa literario, senón que tamén soubo reflectir os diferentes tempos políticos que lle tocou vivir.