«Todo canto eu fixen se acha ateigado dun amor a Galiza que calquera poderá igualar, pero nunca superar.» A frase de Ramón Villar Ponte, igualmente aplicábel a seu irmán Antón, resume perfectamente o norte que guiou a intensa, continua e poliédrica actividade cívica, política, cultural, xornalística e literaria destes dous irmáns no sangue e na patria que idearon no seu día, «en parolas íntimas», as Irmandades da Fala. Desde a prensa, o folleto, a carta, o libro e a tribuna, os irmáns Villar Ponte resultaron decisivos na configuración dun tempo en que a lingua se fixo bandeira e Galiza comezou a se sentir nación plena á procura dos seus dereitos. Emilio Ínsua e Xurxo Martínez relatan esta singradura irmandiña botando man dunha inxente cantidade de documentos inéditos ou descoñecidos que permiten ofrecer un retrato complexo e axustado destes dous membros destacados da Xeración de 1916. Un esforzo de síntese ameno e rigoroso para dar conta dunha obra de magnitude e relevancia verdadeiramente xigantescas.
Hai homes que viven unha vida. Algúns, viven moitas vidas. O noso persoeiro pertence ao segundo grupo: o home, o poeta, o narrador, o dramaturgo, o xornalista, o mestre, o divulgador cultural, o político, o procurador dos tribunais, o editor, o cidadán, o incansábel peregrino dos camiños da Galiza e o mundo... son un a a un e todos xuntos Manuel María. Os máis notábeis e significativos acontecementos da vida galega, nos seus ámbitos social, cultural e político da segunda metade do século XX poden ser contados desde o mirador da súa traxectoria vital. Quizais por iso, non sexa desproporcionado afirmar que estes apuntamentos biográficos trazan unha sintética radiografía da vida galega, contada a través dos seus ciclos e tempos culturais, dos seus axentes e promotores, das entidades que a protagonizaron, das múltiples dificultades que tiveron que enfrontar e souberon vencer, e da importancia e excelentes froitos do traballo de milleiros de galegas e galegos anónimos que, co seu xeneroso esforzo, fixeron agromar do ermo, entre a presión e o terror impostos pola ditadura, a inmorrente flor da esperanza dunha Galiza dona de seu
O ser e a cultura, a historia dun pobo, ten a súa expresión máis fidedigna na lingua. Cómpre ir aclarando o noso pasado. Hai que atreverse dunha vez a salvar esa liña tabú do mundo romano, que evidentemente non pode responder de todo o noso pasado e lingua. Este libro faino, mais cómpre agora aos estudosos, confirmar ou repudiar as teses adiantadas.
Neste ensaio, aborda-se a produção ficcional do escritor brasileiro Raduan Nassar (Pindorama ? São Paulo, 1935) por dois motivos fundamentais. O primeiro, de carácter estético, deriva do fascínio que desperta o estraordinário e elaborado discurso deste narrador paulista. O segundo, de carácter técnico-literário, assenta na intenção de atingir uma explicação convincente e reflectida acerca dos motivos do especial deslumbramento que produz a cultuada prosa nassariana. O estudo distancia-se do hábito de que levante mais interesse ?académico? o voluntário silêncio escritural do autor a partir de 1984, do que o seu próprio legado literário, breve, mas de uma intensidade ímpar: o romance Lavoura Arcaica (1975, mas escrito em 1974), a novela Um Copo de Cólersa (1978, mas redigido em 1979) e Menina a Caminho e outros textos (1994, reunindo contos dos anos 60 e 70). Edicións Laiovento quer, com esta publicação, favorecer a aproximação à obra de um autor invulgar que, afinal, em troca do barulho, deu ao mundo o seu silêncio e que, em troca da admiração provocada pelo esplendido fulgor da sua escrita, deu a sua indiferença ao afirmar: não há criação artística que se compare a uma criação de galinhas.
Desde unha mesa de café vense moitas cousas, escóitase o máis inesperado, vívense experiencias de todo tipo, algunhas mesmo incríbeis, pero, sobre todo, coñécese de primeira man o mundo que nos rodea. Pénsase, imaxínase, vese pasar a vida dos demais, a realidade irreal que nos envolve e na que, por moito que nos rebelemos, estamos inmersos. En definitiva, vendo aos demais vémonos a nós mesmos, porque, como di Henri Michaux ?Non existe un eu. Non existen dez eu. Non existe o eu. EU é tan só unha posición de equilibrio. (Unha entre mil noutras continuamente posíbeis e sempre dispostas). Unha media do ?eu?, un movemento multitudinario. En nome de moitos asino este libro?. Ilustracións: Fernando Díaz.
ALFA e OMEGA ?Estas dúas letras gregas, inicial e terminal do alfabeto, significan por iso mesmo o principio e a fin de todas as cousas [...] Pola súa forma, a letra alfa relaciónase co compás, atributo do deus creador; mentres a omega seméllase á lámpada, ao fogo da destrución apocalíptica[...]? (Juan Eduardo Cirlot) Na fórmula abstracta destes dous seres, que se achan nunha situación liminal, quizais poderiamos abismarnos todas e todos. Porque logo dunha apocalipsis cum figuris emerxería unha xénese sen elas. Do branco, do xeo, crioxénese
Todas as linguas que existen no mundo posúen unha característica fundamental, cal é o feito de estaren a mudar constantemente: a adscrición social, o contexto, o espazo, a psicoloxía de cada falante, o tempo, o xénero etc. son factores que determinan diferentes tipoloxías de variacionismo lingüístico. O galego, que tamén coñece eses condicionantes de variación, tiña de contar cunha obra en que fosen estudados, centrándose na situación particular do noso idioma e nomeadamente na dimensión xeográfica. Por este motivo, Laiovento comprácese en dar a lume Lingua galega e variación dialectal, de Xosé Manuel Sánchez Rei, un estudo que cobre unha notábel lacuna ao non haber unha obra teórica destas características pensada para o galego.
«Como ben salienta a profesora portuguesa Clara Rocha no seu extraordinario ensaio Revistas Literárias do Século XX em Portugal (1985), unha das funcións que desempeñan habitualmente as revistas e os xornais literarios ?coidamos que tamén quedan comprendidos entre os segundos os suplementos dos periódicos? é a de arquivo do patrimonio cultural. No entanto, as revistas e mais os suplementos poden acabar converténdose en sepulturas de textos e imaxes, xa que os números sucesivos dunha publicación periódica van enterrando no olvido os que os precederon, pois a actualidade é caduca de seu. Por iso, ao cabo dalgúns anos, resulta acaído rescatarmos papeis vellos esquecidos para ver se resisten unha relectura e, tras sacudirlles o po e adobialos un chisco, poñelos de novo en circulación en formato de libro á procura do lector curioso. Con esta finalidade reunimos no presente tomo unha serie de artigos breves dados a coñecer en diversas publicacións galegas entre 1990 e 2000, aos que engadimos tan só dous inéditos de 2002 (?Valentín Paz-Andrade labra a súa imaxe? e ?Castelao, actor teatral?) e un deste mesmo ano: ?Avilés de Taramancos e Castelao?. Ao ver reunidos estes textos sobre escritores e intelectuais tan diversos de catro xeracións decatámonos de que parece fluír unha corrente subterránea que confire a necesaria unidade ao conxunto. As ideas forza que servirían de fío unificador do volume non serían outras que a memoria, o esquecemento e a terxiversación. Temos a impresión de que, cando escribimos estas páxinas efémeras, a nosa aspiración básica era a de camiñar, sen excesivos xogos malabares, polo arame tendido entre o rigor histórico e o compromiso coas memorias nacional e obreira.
Xosé Ramón Freixeiro Mato elaborou esta Estilística da lingua galega co obxectivo de ordenar e sistematizar os valores expresivos do idioma galego, dotándoo así dunha ferramenta de análise da cal outras linguas próximas xa dispoñen desde hai tempo. A obra, realizada fundamentalmente con base nos textos literarios contemporáneos, contribúe a unha posta en valor do noso patrimonio lingüístico-literario e do labor artístico dos escritores e escritoras, que conseguiron labrar artesanalmente a lingua nacional para tiraren dela toda a súa potencialidade expresiva. O arduo traballo de construción da lingua literaria galega a partir dun idioma desprestixiado, abandonado e ruralizado só desde o propio país pode ser hoxe recoñecido e reivindicado. Esta completa Estilística da lingua galega, cun tratamento pormenorizado e actual dos aspectos gráficos, fonéticos, morfosintácticos, léxico-semánticos e textuais, tórnase aínda nestes momentos oportuna, útil e necesaria, pois é particularmente nos seus valores expresivos onde se debe alicerzar o prestixio e o futuro do idioma galego, así como a autoestima dos seus usuarios e usuarias.