Gallego (galego)



DA ESFINXE
Despois, cando veña a noite, o vento arrastrará as follas para alén dos teus ollos. E ti seguirás aí, silencioso e isolado, detido no teu aceno de pedra, a esperar que outras vidas veñan encher o teu valeiro esencial disposto a calquer acontecer que che permita existir. Entón tornarás-te meditabundo, grave, arriscado, heroico, frívolo, sentimental, histriónico, perverso, patético, terno, esquivo. E cada vez serás o mesmo, só un cazador engaiolado nunha arañeira interior, soñando decote ventos metafóricos que arrastran as follas da vida, mentres a vida pasa ao teu lado erosionando-che os ollos e as mans, irremediabelmente, camiño de ti.

A ÓPERA DE A PATACÓN
O autor e dramaturgo de Compostela amósanos aquí unha adaptación que realizara para un espectáculo homónimo presentado en xullo do ano 1994, partindo da " Ópera do Mendigo " que John Gay estreara en Londres en 1728 e que Bertolt Brecht rccuperou posteriormente na peza ``A Ópera de catro cartos´´ e na narración " A novela de catro cartos " . Partindo dos textos suliñados, Vidal Bolaño constrúe unha notable peza que ten como eixe central os supostos amoríos entre Polly e Mackie, O Navallas (ou Sr. Bennet), e no que se van entrecruzar moitos outos motivos que dan conta da corrupción xeneralizada existente por aquel entón nun Londres atemporal e alegórico.

A FESTA DA MALLA
Festa da malla, que agora se publica en coidada edición das profesoras Dolores Vilavedra e Noemí Pazó, é en opinión de Manuel Vieites " unha peza construída na súa totalidade a partir de elementos tirados da dramaturxia popular " , que enlaza coa tradición dramática e teatral galega de carácter popular, presente quer nas festas de carácter cíclico (entroido, nadais, maios, fiadeiros, muiñadas...), quer noutras manifestacións relixiosas de carácter ritual (romarías, ritos de paso, cancións de curación...). Nesta liña, Antón Villar Ponte fixo de A festa da malla un prontuario de costumes populares relacionados coa colleita e a festa que se celebraba no remate da mesma, integrando, tamén, elementos tirados das festas e celebracións doutros períodos do ano tal que os fiadeiros, cos seus desafíos, ou as muiñadas, cos seus xogos de namorar, ou outros que son comúns a moitas destas manifestacións como a narración de contos e historias.Sesenta anos depois do pasamento de Antón Villar Ponte, a edición e recuperación de A festa da malla, un texto ata hoxe inédito, supón unha merecida homenaxe a unha das figuras máis salientables do galeguismo histórico e un dos homes que con máis afouteza loitou e traballou para que Galicia tivese un teatro de seu, un Teatro Nacional, para que o noso presente fose posible.