O presente volume, preparado por Carlos Díaz Martínez, recolle máis dun centenar de documentos gráficos, maiormente postais editadas no período de 1900 e 1936 , ademais de fotografías, mapas e marcas filatélicas, sobre a cidade de Vilagarcía. A partir de 1900 e ata aos tempos da IIª República dispoñemos de moi numerosas testemuñas gráficas que utilizan o novo soporte de comunicación gráfica daqueles tempos: a postal de correo. As temáticas presentan unha ampla recompilación do patrimonio monumental e das efemérides da vida urbana, principalmente nas categorías da vida comercial (mercados e transportes e pesca pola ría) e do vigoroso turismo do momento centrado no Balneario e nas praias. O presente volume demostra que a Vilagarcía daqueles tempos tiña un lugar preponderante nas grandes series de postais editadas en Madrid ou Barcelona; o gran esforzo de producción que neste eido fixeron fotógrafos e editores locais; así como tamén a importancia da cidade que se reflectía nas postais editadas por empresas de París, Irún ou Berlín. A orixe de todas estas pezas amosa a importancia do porto de Vilagarcía a principios do século XX, tanto para os barcos de pasaxe (inicio do turismo de cruceiro) ou de emigrantes, así como a calidade de porto refuxio da ría de Arousa para as flotas de guerra (en particular da armada Inglesa). Iníciase o volume coa reproducción do Plano da Ría de Arousa, realizado por Domingo Fontán en 1828, e coa reproducción dun gravado do palacio de Vista Alegre de 1879. Continúa cun texto literario, Vilagarcía, eterna lembranza, onde o escritor vilagarcián Manuel Seixas, evoca a súa Vilagarcía antiga e sempre eterna na memoria, para dar paso ao discurso gráfico. Dende as primeiras vistas xerais dende a ría ou dende Vista Alegre, o libro propón unha visita pola Vilagarcía tradicional: a casa do Concello e os xardíns de Ravella, a Alameda, a Porta do Sol son espacios que se recuperan para a memoria no presente volume.
Servir era o pan do demo. Historia da vida cotiá en Galicia (séculos XIX e XX) plantéxase como unha obra de investigación histórica, que emprega fontes inéditas combinándoas coa bibliografía dispoñible, escrita nunha linguaxe asequible e non academicista, e polo profuso emprego que se fai nela de textos literarios, etnográficos e testemuños orais, que contribúen a darlle amenidade ó tempo que axudan a recrear a o imaxinario colectivo e a atmósfera social na que se desenvolveu a esistencia de varias xeracións de galegos de a pé. Existen varias historias de Galicia na época contemporánea, pero ningunha dos galegos, das xentes de diferente condición social; dos que comían ben e durmían en colchóns de la, e os que levaban unha existencia precaria téndose que deitar amoreados en xergóns de follato: os homes, mulleres e nenos, labregos, fidalgos e habitantes das cidades que protagonizaron a historia deste país. Considérase o amor e a familia, a alimentación, a vivenda, a indumentaria, a hixiene, o traballo e máis o lecer, e asemade o mundo da escola.