Este libro recolle unha antoloxía do traballo fotoxornalístico realizado por Guillermo Cameselle no xornal " Faro de Vigo " de 1975 a 2005. Máis de oitocentas fotografías que constitúen una crónica social, política, cultural e deportiva da cidade de Vigo nun período tan decisivo como convulso. En palabras de Ceferino de Blas, prologuista do libro, " Cameselle foi fotógrafo de múltiples dimensións. Do mar vigués, que tanto amaba, da cidade e canto a definía, da industria, dos estaleiros, da actividade portuaria, da rica dinámica cultural. De grandes acontecementos, de prohomes e anónimos. Vigo, a cidade da que estaba encariñado, está impresa nestas páxinas polas catro bandas e por todas as súas costuras. Repasando o seu traballo apréciase o devir da urbe durante máis dun terzo de século. Fillo do tempo que lle tocou vivir, o nome de Cameselle está ligado a un ámbito tan periodístico como lacerante: a gran depresión da industria e as loitas laborais. Até o punto de que pode considerarse o fotógrafo de " Os luns ao sol " , a película da reconversión industrial viguesa. As súas fotos resumen o devalar dos estaleiros e outras industrias punteiras e o esforzo dos traballadores para impedir o inevitable " .