Calendario fotográfico de parede con 13 fotografías de Ruth Matilda Anderson e con prólogo de Manuel Rivas. Inclúe festivos, fases da lúa e textos dos diarios de viaxe da propia Ruth Matilda e do seu pai Alfred Theodore Anderson. A fotógrafa estadounidense Ruth Matilda Anderson desembarcou no porto de Vigo na mañá do 7 de agosto de 1924 acompañada do seu pai Alfred Theodore Anderson. Durante 13 meses, até o 28 de agosto de 1925, cumpriu coa misión encargada por Archer Milton Huntington, fundador da Hispanic Society of America, de fotografar a vida, os costumes, as persoas e as paisaxes de toda Galicia. Percorreu cidades, vilas e aldeas buscando os oficios típicos, os xantares, as festas e todo aquilo que resultase sorprendente. O 14 de novembro de 1925 volveu a Galicia, nesta ocasión acompañada pola tamén fotógrafa Frances Spalding, para rematar o traballo que lle quedara pendente na Coruña e Pontevedra. Logo pasou uns días en Ourense, de camiño a Zamora, para continuar a viaxe por outras terras o 31 de maio de 1926. Grazas ao magnífico traballo de Ruth Matilda Anderson, hoxe podemos recuperar a memoria das xentes que habitaron Galicia nos anos vinte do pasado século.