Tanto a estrutura didáctica coma os contidos desta obra foron creados tendo como obxectivo elaborar unha ferramenta de traballo útil e visual que lle facilite tanto ao profesor coma ao alumno poder establecer unha canle adecuada para o ensino das ciencias. Probablemente un dos aspectos máis importantes neste libro é que se parte da idea de que a observación e a posterior análise dos fenómenos naturais que nos rodean supoñen un punto de apoio fundamental na docencia, por isto se fai especial fincapé en ofrecer en cada páxina un número adecuado de fotos e ilustracións que reforcen adecuadamente todas as explicacións teóricas. Isto non quere dicir que se desmerezan as explicacións teóricas, non esquezamos que na ESO a lectura é unha actividade en crise e que a prepotencia do audiovisual conduce a un coñecemento aproximativo e superficial. Pedagoxicamente este tipo de ensinanza obriga ao alumno a realizar un proceso de aprendizaxe afastado da simple memorización, e achégao á dedución e á relación dos conceptos aprendidos.