Antropoloxía de Galicia ofrece unha visión de conxunto da cultura rural galega na que non falta ningún dos principais aspectos: poboación, tipos de asentamento, a producción de alimentos, o traxe, o transporte, o traballo, a propiedade, a organización social, a medicina, a morte, a relixión e as festas. Recolle tanto os elementos innovadores como os antigos. E, o máis importante, non se contenta cunha simple descrición, senón que trata de explicar os comportamentos, mesmo aqueles que, na cultura urbana, semellan carentes de lóxica e racionalidade. Ademais, superando esa visión da cultura rural como un caixón de xastre de elementos inconexos, mostra como se relacionan os uns cos outros. Na Antropoloxía de Galicia atopamos uns labregos e mariñeiros bastante diferentes dos tópicos. Son capaces de innovar, de adaptarse. Son absolutamente prácticos e racionais en costumes como, por exemplo, a mellora, a endogamia parroquial e a residencia natolocal. E empregan unha linguaxe simbólica que asombra pola súa riqueza e complexidade. En definitiva, son creadores e portadores dunha gran cultura. Unha gran cultura que forma parte do noso pasado e, en boa medida, do noso presente. Escrita por Xosé Ramón Mariño Ferro, antropólogo de recoñecido prestixio, esta é, sen dúbida, unha gran obra de referencia para a antropoloxía galega.