A extensa compilación de Ricardo Polín descubre achegas documentais da Galicia do século XIX que se proxectan sobre o desenvolvemento cultural da Galicia do século XX. A escolma ábrese co texto completo de ¡Agua de limón fría!, do pontevedrés Xesús Muruáis. As anotacións do compilador introducen ó lector na realidade plural das festas e feiras populares. O texto de Muruáis complétase coa análise pormenorizada de Ricardo Gómez Polín, que enliña o rebumbio das feiras e festas. De seguido, transcríbese e coméntase El segador, de Lisardo Barreiro.Na cadea de tipos, engrónzase El Cacique, longo testemuño, escrito por Emilia Pardo Bazán, coñecedora de tódolos atrancos políticos, sobradamente salientados no seu corpus narrativo. Outro modelo é El gaitero gallego, escrito polo compostelán Neira de Mosquera. O propio Lamas Carvajal escribiu, con estratexia de brocha gorda, O animeiro. Tampouco podemos esquecernos de El cantero de José Domínguez Izquierdo, El cohetero de Jesús Muruáis, El zapatero de Noya, de Romero Blanco, e El escolante de Goy Prado, Marcos da Portela de José Rodríguez Seoane, O manciñeiro de Amor Meilán, O Brasileiro e El romancero de Neira Cancela.Homes do país recupera pequenas xoias literarias, perdidas ou esquecidas entre as follas máis vellas e románticas da primeira prensa galega, en coleccións dunha extremada rareza, tráennos á memoria imaxes vivas da nosa antropoloxía cultural. Os últimos homes con distinción na súa vida e no seu porte, os que fixeron posible este país, retratados con premura por quen tiña conciencia de asistir ao momento tráxico da ruptura coa tradición. Voces nosas que dan fe da crúa realidade substituíndo a mofa da pintura allea pola tenrura solidaria do máis fino veludo. Pezas inéditas ou case inéditas unhas; textos nados ó calor daquel proxecto da Galicia Literaria, outros, que agora se recupera por Edicións Xerais de Galicia en coidada e fermosa edición.