Nunha aldea próxima a Marineda, a Erbeda, aparece asasinado un carreteiro e culpan do crime á súa muller e a un cómplice, suposto amante e cuñado dela. Tras pasar todos os trámites burocráticos os reos son condenados a morrer no garrote. Partindo do caso particular, a trama abrangue aspectos de xustiza social, por un lado pero tamén atene o conflicto particular da asasina; quen desde o punto de vista da autora é a verdadeira víctima. E así é xulgada polo sistema e condenada a morrer sen pena nin gloria. Paralelamente ao asunto dos reos, abórdase o drama persoal do brazo executor da pena, do verdugo Juan Rojo. Co seu espírito liberal, a escritora Emilia Pardo Bazán (A Coruña 1851-Madrid, 1921) foi unha das primeiras feministas do seu tempo, denunciando o sexismo predominante na sociedade e demandando cambios a favor da muller e a igualdade de oportunidades desde a educación. En A pedra angular (1891), unha das súas principais novelas, traducida por vez primeira para o galego por Mónica Bar Cendón, a escritora coruñesa critica duramente os mecanismos do poder á hora de impartir xustiza e o tratamento penal dos malos tratos ás mulleres, delicto inexistente para os tribunais da época. A pedra angular debuxa unha paisaxe social en que todas as mulleres viven un cadro familiar de violencia e malos tratos e pon o dedo nun tema que, tantos anos despois, continúa de permanente actualidade. A pedra angular é tamén unha novela chave para indagar na mentalidade e nas institucións da España da Restauración, e abre o debate sobre a pena de morte, converténdose nun expoñente dese novo realismo pardobazaniano no que realiza un relato social fiel e verosímil sen recrearse (e sen eludir) os aspectos máis amargos da realidade.