A principios do século XXI, a situación da lingua galega segue a ser anormal. O galego está, aínda, desprazado de moitos ámbitos de uso e este uso implica, unha marca social ou política para o falante. Ademais, a cadea de transmisión interxeracional da lingua parece estar á beira dunha grave e definitiva ruptura. Logo de vinte anos de vixencia da Lei de Normalización Lingüística cómpre, unha profunda reflexión acerca do camiño percorrido. ¿Hai realmente avances nestes anos que debuxen un futuro esperanzador para a nosa lingua? ¿Cal é a situación real da lingua galega hoxe? ¿É certo que o galego, unha lingua con maior prestixio cada día, está en perigo de extinción como se ten afirmado ás veces? ¿Estase a producir a substitución lingüística do galego polo castelán? ¿Cal é a política lingüística oficial que se veu aplicando ata hoxe e cales son os seus resultados? ¿É necesario un cambio de rumbo nesa política lingüística e na actitude dos que se dedican á normalización da lingua galega? ¿Cal é o estatus xurídico da lingua galega? ¿Cal é o futuro do galego? Están son algunhas das cuestións que se abordan en A normalización lingüística, a debate, un libro que nace coa vocación de poñer un grao de area sobre esa necesaria reflexión en torno ao futuro da lingua. Por ese motivo, Xerais convocou nestas páxinas a opinión de catro especialistas: Henrique Monteagudo, secretario do Consello da Cultura Galega, sociolingüista e investigador do Instituto da Lingua Galega; Socorro García Conde, técnica en Normalización Lingüística do Concello de Santiago e co-fundadora da Coordinadora de Traballadores/as de Normalización da Lingua; Héctor López de Castro Ruíz, avogado, ex-membro da dirección da Mesa pola Normalización Lingüística e responsable da súa área de Xustiza ata xuño de 2002; e Xaime Subiela, politólogo e investigador social, analista de Políticas Lingüísticas.