Unha maneira perturbadora de definir Galicia sería falar dun país productor de emigrantes e náufragos. Eles son os protagonistas de A man dos paíños, os heroes correntes dunha identidade solapada, ocultada a cotío por mor dos virus que borran a memoria. Emigración e naufraxio son experiencias que nos levan a un espacio fronteirizo, de loita pola supervivencia e tamén de renacer. Esa xeografía emocional, entre o apego e a perda, é onde mellor se recoñece hoxe a condición humana. E este é tamén o territorio límite onde se sitúa A man dos pahíños. Esta obra supón unha aposta singular na narrativa contemporánea. Enfía un longo relato de ficción ( " A man dos paíños " ), un relato fotográfico ( " O álbum furtivo " ), e un relato xornalístico ( " Os náufragos " ). Tres xeitos de mirada, tres maneiras de contar, que nos achegan a un mundo onde o máxico é a publicidade comercial, a vida soa como un golpe no billar, e o berce e o ataúde son arrolados pola tempestade.