Un clima frío e duro casé elimina a diferenciación entre os pratos nunha zona en que se adoita tomar doces como entrantes e almorzos que semellan xantares. Desde as patacas ó cocho ou desde as castañas ós grelos, a cociña de montaña está marcada polo seu carácter temporeiro. Tradicionalmente unha gastronomía de arca e artesa, a cociña montañesa segue a ser hoxe de elaboración sinxela, pero de grande riqueza. Os caldos, os peixes, as carnes (especialmente a caza), a matanza, os preparados ó forno, as hortalizas (con especial atención á pataca), a castaña, os derivados lácteos, os doces e os licores e outras bebidas centran a atención deste libro que Gloria Gallego preparou con tanto amor. O caldo de feixóns verdes, a zorza, as sardinas con cachelos, o guiso de xabarín, as filloas, a androia, o cocido, as empanadas, as patacas asadas no remol, o leite con castañas, os queixos, as chulas, as papas de millo, o licor de amorodos e o viño quente están, daquela, servidos na mesa.