A cantiga de amor representa un esforzo por anovar totalmente os estudios sobre este xénero literario que, logo de ter ocupado o lugar central da estética trobadoresca, foi incomprendido e menosprezado por filólogos, críticos e lectores. Revisa o estado das cuestións nos problemas habituais destes estudios (o amor cortés, os problemas de construcción estrófica, a retórica da expresión) pero faino desde unha perspectiva totalmente nova: o intento de construir unha poética cortés que non parta dos presupostos neorrománticos aplicados polo xeral á poesía medieval, senón da experiencia formal, esteticista e experimentalista das vangardas estéticas deste sécúlo e da experiencia do formalismo e mailo estructuralismo na moderna teoría literaria. De aí a aparición de aspectos marcadamente innovadores, moi en particular a articulación do poema como un todo artístico a partir dos recursos retóricos, o paralelismo e o conceptismo. A cantiga de amor deixa de ser un apéndice da poesía provenzal para adquirir personalidade propia e orixinal no seo da lírica medieval europea.