Resultados de la búsqueda para: Uxío Novoneyra





DO A AO Z CON… UXÍO NOVONEYRA . CLÁSICOS EN VOCES CONTEMPORÁNEAS (FERNÁNDEZ NAVAL FRANCISCO XOSÉ)
Uxío Novoneyra é o escritor a quen se lle dedica a festa das letras galegas de 2010. Poeta fortemente vinculado á terra -que cantou e interpretou nos seus versos cheos de ritmo, de forza e de referencias á natureza-, destaca polo seu compromiso coa lingua de Galicia, coa paz e coa liberdade. A serra do Courel, Galicia, os bidueiros, o río, a auga ou o silencio, así como as persoas queridas como María Mariño ou Otero Pedrayo, forman parte do universo dos seus versos e delas válese Fernández Naval para ofrecer neste abecedario esencial a súa partibular interpretación dun autor que lle é particularmente querido.

UXÍO NOVONEYRA. REVISITADO (GARCÍA, XOSÉ LOIS)
Uxío Novoneyra. Revisitado constitúe un testemuño excepcional sobre a vida, a obra e o pensamento de Uxío Novoneyra escrito por un dos que foron os seus mellores amigos e un dos máis destacados especialistas na súa obra: Xosé Lois García. Desde unha ollada privilexiada arredor do poeta do Courel e o seu contexto, o autor vai pasando revista á concepción do universo poético de Novoneyra, ás correntes que máis influíron nela, aos seus encontros e amizade co poeta, á paixón deste polo gravado,á súa época en Madrid, á etapa como presidente da AELG, á súa consideración da lingua galega, á súa formación ideolóxica, ao compromiso, á súa posición de vangarda na creación...En definitiva, este libro proporciónanos unha visión rigorosa, científica e ao tempo próxima e profundamente humana sobre un dos poetas claves da literatura galega do século XX.

A DISTANCIA DO LOBO. BIOGRAFÍA DE UXÍO NOVONEYRA (RODRÍGUEZ LÓPEZ, ANTONIO)
Uxío Novoneyra está xa gravemente enfermo e rememora a súa vida, desde O Courel da II República ás rúas de Zúric onde viu, a primeiros da década de 1990, os rapaces anestesiarse con heroína. Xorden así unhas memorias concibidas con aparencia de autobiografía, nas que a figura totémica de Novoneyra o inunda todo. En A distancia do lobo, Antón Lopo utiliza a obra do poeta, as súas entrevistas e os seus discursos para reconstruír a traxectoria vital dun escritor que mantivo a liberdade como principio irrenunciable. A partir dese material, e mediante unha serie de entrevistas con Elba Rey -viúva de Novoneyra- e con amigos e persoas que o trataron en vida, trénzase unha peripecia que se inicia cos estertores da vida e conclúe na infancia. A represión da ditadura, o principio de liberación dos pobos, a bohemia, o refuxio das tertulias ou as dificultades de forxar un ámbito cultural propio nos comezos da autonomía en Galicia, son algunhas das estacións dun percorrido que fai escintilar a práctica totalidade da poliédrica persoalidade dun home que converteu a poesía nunha forma de comportamento.