Ir al contenido
Resultados de la búsqueda para: Manuel Rivas
Manuel Rivas é o escritor galego con máis proxección internacional. O lapis do carpinteiro é o libro máis traducido de toda a literatura galega. Pode lerse incluso en xaponés, o que algunha vez ten feito que o propio autor se preguntara que pasaría pola cabeza dun nipón ao ler os seus libros; pregunta comprensible dada a distancia cultural entre Galicia e Xapón. Pero a súa pluma logra salvar esas distancias e situar no mapa literario mundial textos orixinalmente escritos en galego, tamén sobre Galicia e desde Galicia. Rivas foi quen de entrar no mercado global e facer rendible escribir nunha lingua «minoritaria» de España e cunha temática sobre «minorías», empregando aspas para cuestionar o carácter minoritario das «minorías» porque a maior parte do mundo pertence a un ou máis grupos minoritarios xa sexa de clase, xénero, raza, etnia ou idade. Máis que dunha cuestión de cantidade trátase dun conflito de poder. Para a autora deste libro, Isabel Castro Vázquez, o termo outredade reflicte mellor a ausencia de poder e voz, xa que o outro é aquel de quen falan os que teñen voz e polo tanto controlan o discurso e o poder. O intrigante neste caso é: ¿como pode o autor conectar con diversas outredades e ao mesmo tempo crear unha conciencia identitaria especificamente galega? ¿Como chega ao global desde o local? Reexistencia, a obra de Manuel Rivas é un estudo rigoroso e actual que trata de atopar as chaves dun autor hoxe imprescindible.