En 2016 o grupo internacional de traballo Anthropocene Working Group emitiu un informe provisional favorable a que o Antropoceno fose considerado unha nova época xeolóxica diferenciada do actual Holoceno. Esta proposta xúntase á constatación do comezo, en 1950, da denominada Grande Aceleración do consumo dos recursos terrestres pola humanidade. O cruzamento das nocións Antropoceno e Grande Aceleración amósanos o carácter insostible das relacións entre as actividades socioeconómicas da humanidade e a súa repercusión na saúde ambiental do Sistema Terra. A ameaza de exceder determinados límites de sostibilidade nunca foi tan evidente nin estivo tan preto de nós.
