O profesor Xesús Alonso Montero recolle neste volume 38 traballos que publicou, entre 1962 e 1980, en revistas extragalegas, algunha tan importante e tan eficaz, para a concienciación democrática e progresista de España, como Triunfo (Madrid). Son quince os textos seus aparecidos no semanario que capitaneaba a mente lúcida de Eduardo Haro Tecglen, catro deles moi extensos. Boa parte dos traballos, nesta e noutras revistas, son anteriores á morte de Franco (novembro de 1975), o que quere dicir que foron escritos para seren publicados dentro das coordenadas censorias do franquismo, se ben do tardofranquismo. Outra parte son posteriores á morte de Franco. Deles, os publicados entre novembro de 1975 e abril de 1977 (legalización do Partido Comunista), aínda esixían do autor un autocontrol expresivo non pequeno. En palabras de Xesús Alonso Montero: Téñase en conta que eu non escribía como un liberal de dereitas ou de centro; eu escribía desde postulados esquerdistas, ás veces decididamente marxistas, falase do problema da lingua, da socioloxía da literatura ou dos escritores rebeldes que nunca oíron a chamada da revolución. Os escritores galegos que eu explicaba ós lletraferits de fóra de Galicia eran escritores que estaban coa causa da esquerda, entre eles, Viqueira, Celso Emilio Ferreiro, Luis Seoane, Lorenzo Varela e Neira Vilas. Explicándoos, promocionábaos fóra das nosas fronteiras, consciente sempre de que unha boa parte dos lectores extragalegos tiñan unha idea máis ou menos idílica e folclórica da nosa literatura. A esta causa, a de facer ver que existían nas Letras en galego importantes páxinas cuestionadoras, dediquei unha boa parte do meu traballo intelectual, sobre todo como conferenciante en Madrid, Barcelona, Salamanca, Paris (1967) e mais Buenos Aires e Montevideo (1969). Todo antes da morte de Franco.