¿A quen lle amarga un doce? Iso é o que Mariano García e Fina Casalderrey se preguntan no limiar de Repostería en Galicia, un libro clásico na literatura gastronómica galega, revisado e actualizado nesta nova edición que ofrece a colección Xerais Gastronomía. Desde os doces sinxelos que se poden facer na casa, sen precisar experiencia na cociña, aos de maior complexidade na súa elaboración, e desde os sabores de longa tradición aos máis innovadores, toda a repostería do país se dá cita nestas páxinas. Logo dun minucioso traballo de investigación, que levou os autores a percorrer física e bibliograficamente Galicia, aquí está o resultado; un libro esencialmente práctico que se divide en catro partes: unha historia da repostería en Galicia; trucos e advertencias; cremas, masas e outros complementos; e un impresionante inventario de 219 receitas, acompañadas dun pequeno comentario sobre a orixe, evolución e características do prato. As rosquillas, as deliciosas canas fritas, o clásico roscón, os melindres, a gorentosa bica, as natillas, os biscoitos, as chulas, os amendoados, a marmelada, a torta de chicharróns, as orellas, o arroz con leite, o queixo de tetilla, o flan de ovo, as papas de millo...