A batalla política polas autovías comezou no ano 1986 cando o Congreso aprobou o Plan Xeral de Estradas 1984-1991, prevendo a construcción dunha rede de vías rápidas que comunicaría a tódolos territorios do Estado, excepto Galicia. Na exposición de motivos do Plan xustificábase a non inclusión na rede de autovías dos territorios , as cordais e serras peninsulares e Galicia en xeral. Manuel Monge, diante deste feito, que contemplaba a construcción de 3.250 km de autovías en todo o Estado e só 30 km en Galicia, decidiu escribir esta crónica dun longo proceso de reivindicación colectiva e social de infraestructuras de comunicación para unir Galicia con Europa.Desde aquela, a sociedade galega asistiu ao anuncio de sucesivos aprazamentos na execución das obras das autovías galegas que malograron as expectativas da súa rápida finalización. Moitos cidadáns reaccionaron criticamente ante a excesiva pasividade da Administración Galega e o Goberno Central, máis aínda cando se cualificou como unha excelente noticia o remate das autovías para o ano 2001, despois de terse asinado un convenio entre o MOPU e a COTOP que fixaba a súa finalización en 1995. Manuel Monge reconstrúe neste documentado libro todo o debate político sobre a construcción das autovías, faise eco da frustración da opinión pública causada polos reiterados atrasos e autoxustificacións das Administracións, e ofrécelles ós lectores as claves para entender a construcción das autovías galegas como a crónica dunha farsa pero tamén como un compromiso cidadán irrenunciable e inaprazable por máis tempo. O libro, que recolle abundante información gráfica e documental, finaliza analizando as contribucións da Unión Europea ao financiamento das autovías (con especial atención á distribución dos Fondos Estructurais e de Cohesión que recibe Galicia da Unión Europea), e as perspectivas do desenvolvemento do tren de alta velocidade que mellore as comunicacións de Galicia, co resto do estado, con Portugal e con Europa.