Neste volume ofrécese unha visión panorámica das tecnoloxías, servicios e redes que fan posible o asentamento da Sociedade da Información, enmarcada nunha percepción positiva, sen renunciar ó san escepticismo, do impacto destas tecnoloxías na sociedade, e da súa incidencia no futuro de Galicia. Non hai reto máis importante para un país a día de hoxe que incorporarse con plenitude a esta nova sociedade que as tecnoloxías da información e as comunicacións (TIC) están transformando acelerada e imparablemente. Domingo Docampo, rector da Universidade de Vigo é Catedrático de Teoría do Sinal e Comunicacións na ETS de Enxeñeiros de Telecomunicacións, analiza o proceso de maduración das tecnoloxías da información e as comunicacións e o seu impacto sobre a sociedade Galega. Unha análise rigorosa e divulgativa na que se abordan aspectos como o desenvolvemento da rede Internet, o valor social da información e a identificación da infofauna, o mundo da fibra óptica, as tecnoloxías para as comunicacións móbiles, os accesos vía satélite, as tecnoloxías da fala, as políticas de desregulación das telecomunicacións, o comercio electrónico, as características dos servicios (telefonía fixa, servicios móbiles e interactivos), o estado das redes institucionais e privadas en Galicia… O volume remata cunha reflexión sobre as posibilidades de Galicia na carreira dixital e na sociedade do coñecemento, formulando unha serie de propostas concre-tas dirixidas a estreitar a fenda dixital como reto de Galicia cara ao futuro. Para o profesor Docampo Galicia xógase moito na carreira dixital xa que nos vindeiros anos haberá que tomar importantes decisións nos ámbitos públicos e privados que contribúan a acelerar a incorporación plena de Galicia da Sociedade da Información. Tecnoloxías das comunicacións quere animar o debate actual sobre o impacto das TIC para lograr o maior grao de participación posible no deseño de estratexias que axuden a conformar o futuro da nosa socie-dade.