Este libro céntrase na última parte do Camiño Francés, a máis coñecida e transitada das vías xacobeas. O tramo do Bierzo e Galicia é, en opinión de todos, non só o máis variado senón tamén o máis agradable de percorrer. Seguindo as pegadas das guías máis clásicas e utilizadas, Antón Pombo, membro da Asociación Galega de Amigos do Camiño de Santiago e sete veces peregrino, presenta agora polo miúdo o itinerario berciano e galego, incluíndo tódalas novidades que se produciron desde o Ano Santo de 1993. Guía práctica dirixida ós peregrinos que avanzan cara a Compostela a pé, dacabalo ou en bicicleta, o libro está aberto tamén ós que queiran coñecer algún tramo da rota, así como a aqueles que, dispoñendo de coche, se interesen polos aspectos paisaxísticos e monumentais dun itinerario declarado Patrimonio da Humanidade.